.

Galicia é un pobo solidario, acolledor e xeneroso. Por iso, desde a Xunta de Galicia queremos poñer a disposición de todos os galegos e galegas aqueles recursos e ferramentas que nos permitan seguir reivindicando, e promovendo con decisión, o que é tan intrinsecamente noso: o espírito voluntarioso. E iso é o que precisamente facemos desde a Dirección Xeral de Xuventude.

Converterse nunha persoa voluntaria implica estar comprometida coa contorna, querer colaborar cos axentes que te rodean e ser solidario cos demais. Pero tamén implica ter unha serie de dereitos, así como de obrigas. A través desta páxina web queremos ofrecerche toda a información que necesitas para coñecer o voluntariado, poder formarte neste ámbito e participar nas diferentes actividades, tanto as organizadas pola Xunta de Galicia como a través de entidades de acción voluntaria. Para estas últimas tamén ofrecemos diferentes liñas de apoio co obxectivo de promover os seus proxectos de voluntariado, tanto a nivel xeral, como aqueles orientados a públicos máis específicos, singularmente a mocidade e as persoas maiores.

O compromiso, a colaboración e a solidariedade son tres valores que toda comunidade, toda sociedade, debe ter moi presentes. E practicalos de xeito activo non só repercutirá nun necesario benestar persoal, senón tamén colectivo

Converterse nunha persoa voluntaria non é cuestión de idade. Nin de sexo. Nin de condición social.   É unha actitude. Unha actitude moi galega. E da que nos debemos sentir orgullosos. Anímate a querer compartila.