Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono do Voluntariado: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

PASAPORTE SOLIDARIO 2019-2020

Este curso 2019/20, dentro do Plan Proxecta, unificamos todas as accións vinculadas ao ámbito da acción voluntaria que temos desde a Consellería de Política Social baixo a denominación Voluntariado Educativo. Con esta medida buscamos concentrar e favorecer a creación dun itinerario formativo completo neste ámbito, coa finalidade de promover os valores da solidariedade, a participación e o voluntariado, favorecendo que o alumnado adquira un compromiso e implicación social a través dunha metodoloxía activa e participativa, coñecedora da realidade na que se integra.

Así mesmo, e co obxectivo de completar este itinerario, incorporamos ao Plan Proxecta o programa Pasaporte Solidario. Deste xeito, amplíanse as opcións a elixir para os centros educativos, posto que se ofrece unha iniciativa de acción voluntaria no segundo ciclo de Educación Infantil a través de Voluntariado Miúdo, logo continúase con Pasaporte Solidario durante os seis cursos académicos de Educación Primaria e posteriormente ofértase a Rede de Centros Solidarios para estudantes de Educación Secundaria e Bacharelato.

Cómpre destacar que o proxecto de voluntariado nas aulas, denominado Pasaporte Solidario, pretende fomentar a acción solidaria entre os rapaces e as rapazas máis novas e posicionarse como instrumento educativo dirixido a impulsar e consolidar os valores e accións altruístas entre a nosa xuventude.
Trátase dun documento cuxas páxinas conteñen propostas de actividades solidarias para todo o alumnado dos centros educativos de Primaria e de ESO de Galicia que se adhiran, que se poderán desenvolver tanto no centro educativo como fóra del, e que o alumnado elixirá en función das accións que desexe realizar.

Por outra banda, existen dous niveis de pasaporte, un para o alumnado que accede por primeira vez a esta iniciativa (Nivel A), e outro para o que xa o fixo noutras edicións (Nivel B). Ademais, un terceiro pasaporte (Pasaporte Camiño de Santiago), está dedicado na súa integridade ás rutas xacobeas. Así mesmo, cada unha das actividades que realice o alumnado participante será recoñecida mediante un diploma acreditativo.

Como xa é coñecido, o Plan Proxecta poderase consultar na ligazón http://www.edu.xunta.gal/portal/planproxecta/programas. A partir de agora, esta será a plataforma a través da cal se canalizará este programa de voluntariado xunto cos demais que xa estaban en marcha, todos eles concentrados baixo a denominación Voluntariado Educativo.

Solicitude: a través da aplicación de Plan Proxecta .

Resolución do Plan Proxecta 2019/20.

Máis información
Para informarse sobre a organización e a xestión do Plan Proxecta pode dirixirse a: planproxecta@edu.xunta.es ou nos teléfonos 881 996 395 / 881 997 498.



Volver
xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds