Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

PROGRAMA DE VOLUNTARIADO SOCIAL PARA A ATENCIÓN E ACOMPAÑAMENTO DE PERSOAS MAIORES QUE VIVEN SOAS NOS SEUS FOGARES

En imaxes
O Programa de voluntariado social para a atención e acompañamento de persoas maiores que viven soas nos seus fogares (ACOMPAÑO, en diante) é unha iniciativa da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, xestionado a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, dirixido a impulsar e propiciar a participación de persoas voluntarias que queiran implicarse na intervención nun envellecemento activo e saudable así como a de afrontar o cambio demográfico mediante un enfoque positivo centrado no potencial do colectivo de persoas maiores.

Con base nos artigos 21 e 22 da Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria, a Consellería de Política Social promove este proxecto, no que se require da participación conxunta da Administración autonómica, que o impulsa, xunto coas entidades de acción voluntaria inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria que libremente se adhiran, e que colaboren facilitando as declaracións de vontade de participación das persoas maiores que estean interesadas en formar parte deste programa.

Destinatarios
1. As persoas maiores que viven soas nos seus fogares
Na actualidade existen en Galicia máis de 121.000 persoas maiores que viven soas nos seus fogares.
Os maiores de 65 anos valoran, por enriba de todo, a súa independencia e prefiren vivir na súa propia casa aínda que sexa solos.
O proxecto ACOMPAÑO diríxese a ofrecer a este colectivo a oportunidade de paliar a necesidade de compañía e atención achegando tamén a súa experiencia vital a outras persoas de distinta xeración, recoñecendo o seu valor ademais de desenvolver actividades que lles permitan saír do illamento ou sentimento de exclusión.
Neste sentido, o proxecto diríxese inicialmente a fogares nos que, como estilo de vida libremente elixido, residan soas persoas de máis de 65 anos de idade, e estean dispostas a que unha persoa voluntaria, seleccionada no marco deste programa, poida acompañala no seu fogar durante un determinado período de tempo.

2. As persoas voluntarias
O voluntariado e a participación constitúe a base sobre a que se asentan as liñas de actuación da actual Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, conscientes de que a participación e a solidariedade son unha ferramenta de empoderamento e transformación social ao servizo da sociedade en xeral.
De conformidade cos artigos 6 a 8 da Lei 10/2011, do 28 de novembro, as persoas voluntarias, con todos os dereitos e obrigas recollidas na lei, poden colaborar en programas de acción voluntaria especificamente organizados polas Administracións públicas no ámbito das súas competencias, recoñecéndoselles o dereito a ser reembolsadas ou compensadas polos gastos realizados no desenvolvemento das súas accións voluntarias.
Para as persoas voluntarias sensibilizadas socialmente, a maiores de satisfacer a súa iniciativa altruísta, a convivencia con persoas maiores pode resultar unha magnífica oportunidade de desenvolver e acadar un enriquecemento persoal que lles permita un coñecemento do entorno social no que viven e a posibilidade de adquirir habilidades e formación para o futuro, tendo en conta que, como ben sabemos, a nosa Comunidade Autónoma non é allea ao problema demográfico que está a acontecer en toda a Unión Europea.

Características das actividades
A posta en marcha deste programa aposta por establecer unha canle de colaboración interxeracional, na que as persoas que interveñen nel tezan unha relación de coñecemento e confianza recíproca, sen que, en ningún caso, poida supoñer a asunción de tarefas de carácter asistencial ou de axuda no fogar.
Consonte co anterior, o programa presenta as seguintes características:
- Solidariedade e participación
- Vinculación social e territorial
- Sensible ao reto demográfico
- Fomento do envellecemento activo
- Promoción da Autonomía Persoal
- Prevención da dependencia
- Eficiencia no sistema público
- Atención coordinada dos servizos sociais
- Integradora entre as xeracións participantes
- Atractiva no seu desenvolvemento

Obxectivos
- Fomento da participación e solidariedade nas persoas mozas
- Fomento do envellecemento activo e solidario nas persoas maiores
- Mellora persoal, benestar e tranquilidade das persoas maiores que viven soas
- Detección de posibles problemas de saúde, prevención, control e diagnóstico precoz.
- Cambio de actitudes sobre o que significa envellecer, apoiando ás persoas de maior idade e ofrecendo un incentivo de cooperación e solidariedade ás persoas maiores e á xente nova, fomentando un intercambio interxeracional que implique a obtención de vantaxes sistémicas e individuais.
- Promoción da vida independente conforme se vai envellecendo respectando a permanencia das persoas maiores nos seus fogares.
- Redución dos riscos de depresión, crise, ansiedade ou inseguridade que pode acontecer cando se vive só.
Mellora da atención das persoas maiores no medio no que se atopan.

Procedemento e compromisos
1. A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado:
1.1 Ofrecerá o asesoramento necesario para a realización efectiva do programa ACOMPAÑO.
1.2 Inscribirá as persoas voluntarias que soliciten participar no dito programa, ben o fagan directamente, ben a través da entidade adherida correspondente.
1.3 Comunicar á entidade colaboradora correspondente as persoas voluntarias seleccionadas, en colaboración coas indicadas entidades e os servizos sociais, se é o caso, para a realización das accións de acompañamento previstas neste programa.
1.4 Asumirá os custes de manutención e transporte, en caso de ser necesario, asumindo a tramitación e xestión dos correspondentes pagamentos ás persoas voluntarias. O custe máximo por persoa voluntaria e día fíxase en oito (8) euros.
1.5 Cubrir mediante o seguro de accidentes e responsabilidade civil os riscos de accidente da propia persoa voluntaria así como por danos ou perdas ocasionados a terceiros, derivados directamente da súa acción voluntaria.
1.6 Impartirá os cursos de formación necesarios para que as persoas voluntarias que vaian a participar no programa teñan os coñecementos necesarios para poder realizalo satisfactoriamente.
1.7 A selección de persoas voluntarias que atendan as solicitudes de atención e acompañamento realizarase pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, atendendo á súa formación adecuada para cada tarefa, á orde de presentación das solicitudes, e en atencións ás condicións de carácter territorial inherentes ao programa. Para tal efecto, a dirección xeral elaborará unha relación de persoas voluntarias que comuniquen o seu interese en participar neste programa, fixando un número máximo de 800 persoas voluntarias entre as que se fará a selección indicada anteriormente.

2. Entidades de acción voluntaria
2.1 Adhesión por escrito das entidades de acción voluntaria interesadas en colaborar no programa mediante a formalización do documento inserido como anexo I.
A adhesión será voluntaria para as entidades que reúnan os requisitos de estar constituídas e inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria como entidade de acción voluntaria.
2.2 A adhesión ao programa suporá a asunción dos seguintes compromisos:
Aportar á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado o listado das persoas maiores dispostas a participar no programa.
Achegar o listado de persoas voluntarias que estean interesadas na realización do programa, e asumirán a sinatura das cartas de compromiso coas persoas voluntarias que finalmente participen neste.
Verificar o axeitado desenvolvemento das accións voluntarias inherentes ao programa e remitir unha ficha, consonte co modelo que se lle facilitará desde a dirección xeral, onde incorporarán os gastos realizados polas persoas voluntarias no desenvolvemento desta acción voluntaria, no caso de os houber.
Cumprimentar as enquisas sobre calidade do servizo da súa área de actuación obxecto de adhesión cunha periodicidade anual e remitilo a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
Inserir o logotipo da Xunta de Galicia en cantas accións e medidas de carácter xeral que se leven a cabo en cumprimento do presente programa.

Espazo temporal e período de execución (exercicio 2017)

Execución: ano 2017, dende a data de publicación do programa e ata o 15 de decembro, e en todo caso, sempre condicionado ata a data na que se esgote o crédito orzamentario.
Periodicidade das visitas: a acción voluntaria prevista neste programa desenvolverase cun máximo de 3 días á semana que non poderán sumar no conxunto dun mes natural máis de 8 días, e no conxunto do programa 20 días. Cada día no que se realice a acción de acompañamento, deberá desenvolverse esta durante un mínimo de 2 horas.

As entidades interesadas en participar no programa "Acompaño" debererán cubrir o formulario de inscrición e a continuación enviar o Anexo I ao enderezo electrónico voluntariado@xunta.gal

Formulario inscrición entidades

Anexo I


Formulario de Inscrición

Todas as persoas interesadas en participar como voluntari@s no programa deberán cubrir o formulario inscrición que aparece a continuación.

Ao finalizar a súa participación neste programa, as persoas voluntarias obterán da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado un certificado acreditativo da acción voluntaria desenvolvida, que será inscrita como experiencia voluntaria no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.
* Nome:
* Apelidos:
* DNI:
* Data de nacemento: / /
* Sexo: H M
* Enderezo:
* Poboación:
* CP:
* Provincia:
* Teléfono de contacto:
* Correo electrónico:
* Estudos:
* Profesión:
Observacións:
  [Política de protección de datos]
 
* Campos obrigatorios.


Volver
xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds