Trátase dun programa que involucra a sociedade na construción dun medio rural sustentable que sexa capaz de xerar riqueza e benestar.
Este voluntariado está encadrado dentro das novas políticas que priman a prevención e a educación para resolver problemas causados polos incendios forestais.
A función das voluntarias e voluntarios é sempre complementar os corpos forestais, e consiste en realizar un tipo de vixilancia que denominamos disuasoria, ao tempo que recibimos unha formación ambiental sobre o terreo.
As zonas que se escollen para realizar estas tarefas son aquelas que teñen un alto índice de risco de incendio. Son as seguintes:
• Ourense
• Lalín
• Tui
• Laza
• O Rosal
• Rois
Vincular o noso tempo de lecer ao coidado do medio contribúe a pór en valor o noso patrimonio, tanto natural como histórico. É un pequeno xesto pola nosa parte, pero que supón un garante de futuro para Galicia.
Todos os voluntarios e voluntarias están dispostos a colaborar neste proxecto. Poden anotarse chamando ao teléfono solidario 900 400 800 ou a través do formulario desta web.
Os obxectivos son:
• Facilitar canles de participación e crear espazos de colaboración social.
• Evitar a aparición de incendios forestais mediante a vixilancia disuasoria.
• Educar ambientalmente as voluntarias e os voluntarios.
• Promover a interpretación do noso patrimonio natural, cultural e histórico.
• Impulsar as boas prácticas centradas na prevención dos lumes e no aproveitamento multifuncional do monte.
• Divulgar a normativa vixente en materia forestal.