O Congreso Galego de Acción Voluntaria 09 quere ser un espazo no que as persoas voluntarias e responsables das entidades de acción voluntaria, de organizacións sociais, da administración, dos medios de comunicación, e outros axentes implicados no ámbito da solidariedade, se reúnan co obxecto de reflexionar e traballar en cuestións como a participación social, a solidariedade, a xustiza, as boas prácticas ou, en definitiva, na transformación social como finalidade da acción voluntaria. O congreso será un espazo dedicado ao debate, ao intercambio de información, á procura de novas tendencias, e por suposto á formación e a promover o encontro dos protagonistas deste sector na comunidade.
O filósofo Luís Aranguren Gonzalo ofreceu a conferencia que leva por título o lema do congreso "Acción voluntaria, acción transformadora".
Os ponentes son tres representantes do ámbito educativo, dos movementos sociais pola base e dos medios de información e comunicación. Respectivamente: Florencio Luengo Horcajo, pedagogo, coordinador xeral do Proxecto Atlántida; Miguel Fernández Blanco, presidente da Plataforma polo Emprego de Santiago de Compostela; e Gurutze Gutiérrez Cuesta, coordinadora do programa “Objetivo solidario” de La Sexta Noticias. O moderador do debate será Javier Agrafojo, coordinador do Servizo de Participación e Integración Universitaria.
Durante a xornada vespertina do congreso desenvolveranse as comunicacións a través das que dezaoito entidades de acción voluntaria de ámbito galego e estatal compartiron os resultados obtidos na posta en marcha de diferentes proxectos de voluntariado nos campos de aplicación das tecnoloxías na información e da comunicación, da calidade ou dos ámbitos incluídos no Plan Galego de Voluntariado 2006-2010.