Preténdense cumprir os obxectivos de mellorar, sistematizar e cualificar a formación do voluntariado; así como os de crear unha estrutura de información, formación e sensibilización do voluntariado, tal e como se establece no Plan Galego do Voluntariado.
No Programa de Formación 2009 continuarase coas dúas liñas de actuación: unha presencial, que se desenvolverá nas diversas cidades e vilas de Galicia e outras pequenas localidades co fin de poder achegar a formación a todas aquelas persoas que queiran participar e outra en liña, para aquelas persoas con dificultades para participar na formación presencial, por incompatibilidades cos seus horarios laborais ou responsabilidades familiares.
A información impartirase en dous niveis: un inicial para aquelas persoas que teñen unha primeira toma de contacto co mundo da solidariedade e outro cunha formación máis especializada enfocada ás persoas que xa estaban a participar; tratarase, con isto, de apoiar e impulsar decididamente as persoas voluntarias do movemento asociativo.
Neste novo ano, para planificar a formación presencial e en liña, contouse coas contribucións e suxestións das Entidades de Acción Voluntaria (EAV) e cos concellos. Con este obxectivo, abriuse unha canle de participación a través do portal de voluntariado galego www.voluntariadogalego.org, no que todas e todos podían dar suxestións sobre os cursos e contidos que consideraban interesantes, así como os horarios e días en que poderían asistir, co fin de poder facer a formación o máis axustada posible ás esixencias da realidade do voluntariado.
Continuamos a planificar, conxuntamente coas universidades galegas, unha formación específica para este colectivo de universitarios e universitarias galegas como persoas comprometidas coas accións voluntarias en diferentes áreas ou eidos máis específicos de actuación como o da saúde, o dos penais, o da psicoloxía etc.
Tamén, continuamos a colaborar cos diferentes departamentos da Administración autonómica coa finalidade de poder coordinar accións e actuacións conxuntas cara a unha problemática concreta, como é o Proxecto Rodela. Neste proxecto desenvólvese unha formación específica para aquelas persoas que van colaborar e participar no proxecto de acompañamento a mulleres vítimas da violencia, como unha realidade permanente que se ve incrementada, entre outros motivos, por estes novos condicionantes sociais tan presentes na nosa realidade.
Cursos 2009 >>
Nota de prensa en formato PDF na que se resume a presentación do Programa de Formación do Voluntariado 2009 o luns, 12 de xaneiro de 2008 en Santiago de Compostela.