Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(11-03-2009)

Imaxe da conferencia de Víctor Naguil

conversascon: deu a coñocer a historia e situación do pobo mapuche

O psicólogo Jaume Funes Artiaga será o ponente convidado do mes de abril coa conferencia "Ser neno, ser adolescente e atopar un lugar no mundo adulto"

Víctor Domingo Naguil Gómez, membro da Comisión Política e Responsable das Relacións internacionais de Wallmapuwem que significa compatriotas do país mapuche), foi o convidado en marzo do ciclo conversascon: 2009 para falar en sendas conferencias en Lugo e en Santiago sobre a “Historia social e política do país mapuche: unha visión panorámica”. Na cidade das Murallas, o ponente estivo acompañado pola delegada da Vicepresidencia en Lugo, Branca Rodríguez; e en Santiago pola súa homónima na Coruña, Tareixa Novo.

O mapuche é un pobo indíxena da zona centro-sur de Chile e do sudoeste de Arxentina. Trala chegada dos conquistadores españois, a Coroa de España recoñeceu ata certo punto a súa autonomía e só varias décadas despois de que lograsen a súa independencia, os estados chileno e arxentino invadiron os territorios que se mantiñan independentes e asignaron aos mapuches a "reducións" en Chile e "reservas" en Arxentina. A poboación mapuche do século XXI é principalmente urbana, pero mantén vínculos coas súas comunidades de orixe e subsisten as reclamacións de territorio e recoñecemento da súa cultura.

Naguil, que tamén é membro do Partido Autonomista Mapuche, fixo un detallado repaso histórico que o levou ao século XIX para relatar aos asistentes o proceso de independencia que o seu pobo afrontou primeiro contra os conquistadores españois e logo contra o estado de Chile. Actualmente, os seus esforzos concéntranse en reclamar o dereito de autodeterminación que, segundo dixo, lles corresponde na súa calidade de pobo tal e como contempla a Carta de Nacións Unidas.


Discriminación
Durante a súa exposición, o relator denunciou a progresiva usurpación dos terreos pertencentes á súa comunidade durante os diferentes gobernos políticos, dos que se ben poideron recuperar miles de hectáreas baixo o mandato de Salvador Allende, fóronlle quitados de novo con Pinochet e, en anos pasados, devoltas só en parte.

A discriminación sufrida aínda agora polos mapuches foi outro dos temas nos que incidiu Víctor Naguil. Puxo como exemplo a pervivencia dos dereitos dos latifundistas fronte ao seu pobo xa que “cando teñen que facer unha estrada evitan as súas terras, pero ocupan as nosas”. Neste sentido tamén contou que os mapuches só teñen dereito ao uso da superficie da terra, pero non ao subsuelo polo que en caso de atopar auga ou petróleo, non sería da súa propiedade.


conversascon: de abril

O próximo mes, en concreto o mércores 1 de abril, o psicólogo e educador Jaume Funes Artiaga ofrecerá a conferencia "Ser neno, ser adolescente e atopar un lugar no mundo adulto". O relatorio terá lugar no Complexo Residencial Lug (rúa Pintor Corredoira, 4), de Lugo.


Galería de imaxes >>

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds