Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(05-12-2008)

Quintana durante a súa intervención

Quintana anuncia que se duplicarán as axudas para as entidades voluntarias que traballan nos comedores sociais e albergues galegos

Dixo que se trata dunha iniciativa de choque contra a pobreza xerada pola actual crise económica e que acada os 1,6 millóns de euros. O vicepresidente celebrou o Día Mundial do Voluntariado cun encontro celebrado en Santiago con varias entidades de acción voluntaria e salientou a importancia de traballar xuntos "man con man" para que "non haxa ningunha persoa en Galiza sen un prato para comer". Anunciou que a comezos da próxima lexislatura se elaborará unha Lei Galega de Inclusión Social.

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, aproveitou o encontro mantido en Santiago con varias entidades de acción voluntaria con motivo do Día Mundial do Voluntariado para anunciar unha iniciativa de choque contra a pobreza xerada pola crise. "Teño dado orde de duplicar os fondos destinados ás entidades que traballan nos albergues e comedores sociais para facer fronte á crecente demanda tanto para este ano como para o 2009 ata chegar aos 1,6 millóns de euros", confirmou. Estas medidas pretenden paliar o empeoramento nas condicións de vida de moitas persoas con baixos ou nulos ingresos económicos, constatado polas entidades sociais que ven como nos últimos meses aumentou o número de persoas que solicitan axuda. "Queremos pedir a todos un esforzo conxunto para que hoxe, máis que nunca, a Administración e o movemento voluntario consigamos que non haxa ningunha persoa en Galiza que sen un prato para comer", insistiu.

Dixo tamén que en momentos coma este "é importante que sexamos capaces de estar todos á altura das circunstancias" porque en Galiza hai 130.000 fogares que están no umbral da pobreza, "familias que xa estaban en crise antes da crise". Dixo que hai que falar dos que vivían xa en crise persoal e que agora ven agravada a súa situación porque os que máis sofren son os que menos protección tiñan.

Segundo explicou Quintana, a iniciativa anunciada vaise canalizar a través de dúas vías. Por unha banda, haberá un conxunto de axudas directas vía convenios coas entidades sociais ás que se destinarán de xeito inmediato 170.000 euros. Por outra banda, incrementarase a orde anual de subvencións dirixidas a estas entidades en algo máis de 630.000 euros, preto dun 80% máis respecto do que se destinou este ano por esta vía. Así, pasaríase dos 800.000 euros concedidos en 2008 a dispor de máis de 1,6 millóns de euros para o ano próximo. "Un orzamento que permitirá contar cunha maior liquidez para o desenvolvemento das vosas actividades nos próximos meses", indicou.

Sinalou que este incremento "vén dar continuidade á tendencia que iniciou este Goberno aumentando considerablemente as axudas destinadas ás vosas entidades, que pasaron de 310.000 euros en 2005 a máis de 800.000 o presente ano 2008. Isto supuxo un incremento do 162% nesta lexislatura que, de cara ao ano que vén e como consecuencia da crise económica, queremos aínda reforzar", explicou Quintana.

Dixo tamén que é preciso poñer en marcha mecanismos de compensación porque "asistimos a un debate continuo sobre a crise e sorprendentemente o 95% das noticias que saen falan da bolsa ou dos bancos cando hai que falar dos 130.000 fogares galegos que están no umbral da pobreza e que aumentan día a día", afirmou.

Quintana relatou como a crise actual está a mudar o perfil da pobreza. De feito, agora acoden en busca de axuda ás entidades sociais persoas que non eran usuarios habituais destes servizos. "Comezan a visibilizarse os impactos sociais negativos da actual crise económica", insistiu, xa que se están a dar novos casos de familias que ante situacións de desemprego ou de carestía da vivenda e dos alimentos vense obrigadas a procurar a axuda das entidades de iniciativa social. Por isto, Quintana explicou que se van adoptar medidas estruturais que permitan ser máis eficaces na loita contra a pobreza. E así, anunciou a elaboración, a comezos da vindeira lexislatura, dunha Lei Galega de Inclusión Social.

Dixo que esta norma creará unha Renda Básica Galega que mellore a actual RISGA ao garantir un mínimo vital para o seu beneficiario, unha mellor protección dos menores ao seu cargo e fomentar no perceptor unha actitude máis activa na procura da súa integración sociolaboral. A futura lei dotará tamén dun estatus xurídico aos equipos de inclusión social, aglutinará as actuacións de erradicación do chabolismo e da infravivenda en Galiza, así como as actuacións de fomento do emprego dos colectivos excluídos, en especial o potenciamento das empresas de inserción social.


Sistema Galego de Benestar
Perante os representantes das entidades de acción voluntaria, Quintana lembrou o compromiso da Vicepresidencia coa consolidación do Sistema Galego de Benestar a través de medidas para reforzar o modelo social. Indicou que se traballa a través de dúas canles. A primeira delas pasa pola creación de novos instrumentos lexislativos como a nova Lei Galega de Servizos Sociais que eleva estes servizos á categoría de dereitos e establece un sistema de protección público, nacional e universal. Dixo tamén que a calidade humana dunha sociedade se mide pola súa capacidade solidaria "e temos que estar orgullosos diso porque lle debemos as cotas de benestar que hoxe ten o noso país ás asociacións de voluntarios".

Tamén se referiu á futura Lei de Acción Voluntaria que canaliza a solidariedade da sociedade galega para adaptala á realidade e necesidades actuais. Esta lei aproveita mellor o labor comprometido das persoas voluntarias, como as que hoxe estades aquí, converténdoo nun instrumento máis acaído para actuar fronte aos problemas sociais emerxentes, como os que pode xerar a crise actual. Reforza o papel do voluntariado ao apostar pola súa formación, e diferenza entre o seu labor e o traballo profesional, así como entre o seu labor e as responsabilidades do sector público.

"Tamén actuamos inxectando novos recursos ao sistema: tales como o complemento de 200 euros ás Pensións Non Contributivas que manteremos o ano próximo; ou a Libranza do Coidador", indicou. E sinalou que se trata da paga mensual de ata 507 euros que cobrarán antes de finais de ano as arredor de 12.000 persoas que en Galiza se ocupan habitualmente dalgún familiar dependente.


Traballo man con man
Dirixíndose aos representantes das entidades de acción voluntaria reunidas en Compostela, o vicepresidente dixo que "as Administracións temos que cumprir co noso cometido, que pode apoiarse e complementarse co voso, pero nunca substituírse". "Hoxe máis ca nunca Administración e iniciativa social temos que traballar man con man, sumar os nosos esforzos para que os nosos respectivos recursos e capacidades produzan un efecto protector reforzado fronte ao que serían as nosas actuacións por separado", recalcou.

Durante o acto, unha representante de Cáritas Ferrol convidou ao vicepresidente a visitar o comedor social, convite que aceptou gustoso.



Video do encontro coas EAV >>

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds