Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(04-12-2008)

Imaxe de grupo dos gañadores

Os Premios á Solidariedade en Galicia 2008 recoñecen o inestimable labor de cinco entidades representantes das diferentes formas de voluntariado na comunidade

Os galardoados foron a presidenta da xunta local da AECC de Pontevedra, a Cemma, ao presidente de PAT Ourense, ao cooperante galego falecido en Perú, José Ignacio Salgado Blanco, e á Asociación de Veciños San Juan de Esmelle. O xurado quixo recoñecer o labor daquelas persoas e entidades encadradas dentro do marco de actuación do voluntariado social e doutras formas de voluntariado que nacen coa evolución da sociedade galega como o voluntariado ambiental mariño ou o voluntariado de educación para a seguridade viaria. Durante o acto organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade tamén se entregaron os II Premios Graffitis ao CPR Mercantil de Vigo, ao CPR Manuela Rial Mouzo de Cee e ao IES Carlos Casares de Viana do Bolo.

A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade entregou hoxe os Premios á Solidariedade en Galicia 2008 a cinco entidades representativas do tecido da acción voluntaria en recoñecemento ao seu labor de promoción e execución da acción voluntaria nos ámbitos de sensibilización e difusión, proxectos innovadores e desenvolvemento sustentable e/ou comunitario. O acto, denominado “Premios solidarios. Accións que deixan sen palabras” tivo lugar en Santiago de Compostela e contou cunha nutrida asistencia de entidades e axentes do sector que se reuniron na xornada previa ao Día Internacional do Voluntariado, que se conmemora mañá.

Os premiados foron, respectivamente, a presidenta da xunta local da Asociación española contra o cancro (AECC) de Pontevedra, Mª Josefa Crespo Amigo; a Coordinadora para o estudio dos mamíferos mariños (Cemma); o presidente da Asociación de mobilidade e prevención de accidentes de tráfico (PAT Ourense), Maximino Cid Ferro; a título póstumo, o cooperante galego falecido en Perú en setembro pasado, José Ignacio Salgado Blanco, e á Asociación de Veciños San Juan de Esmelle (Ferrol). O xurado da convocatoria non só quixo recoñecer o labor daquelas persoas e entidades encadradas dentro o que se coñece como voluntariado social, senón doutras formas de voluntariado que nacen coa evolución da sociedade galega.

Con motivo do Día Internacional do Voluntariado, a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade promoveu distintas accións encamiñadas á promoción, difusión e recoñecemento do labor voluntario que se desenvolve en Galicia. O fomento do voluntariado e da solidariedade é un dos obxectivos xa previstos no II Plan Galego do Voluntariado 2006-2010 que se artella a través de dous elementos básicos. Por unha parte, a necesidade de difundir a acción entre os máis novos, incorporando a efeméride dentro do calendario do sistema educativo público. E por outra banda, faise un chamamento para achegar á sociedade unha imaxe real das actividades que realizan as entidades de acción voluntaria de Galicia, sensibilizando e destacando a importancia do traballo do voluntariado e premiando e mostrando os proxectos máis relevantes no eido da solidariedade.

Neste sentido, a Dirección Xeral de Xuventude convocou os Premios á Solidariedade en Galicia para galardoar a aquelas persoas ou entidades que realizasen actuacións na promoción e execución da acción nos eidos da sensibilización e difusión, proxectos innovadores e desenvolvemento sustentable e/ou comunitario. O galardón, no caso dos premios consistiu nunha escultura solidaria realizada polo artista ourensán Acisclo Manzano, e nun diploma de recoñecemento que tamén se entregou ás mencións honoríficas de cada ámbito. A secretaria xeral do Benestar, María Jesús Lago presentou o evento que foi conducido por Antía Otero, vicepresidenta da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). O director xeral de Xuventude e Solidariedade foi o encargado de pechar o acto. Tanto Lago como Cela aludiron ao compromiso da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar co voluntariado en Galicia. “Estes premios son un recoñecemento ao labor das entidades de acción voluntaria que nos amosan un momento vivo, dinámico e forte. Desde a Vicepresidencia renovamos aquí o noso compromiso de conseguir unha sociedade máis digna, xusta e solidaria”, matizou a secretaria xeral.

Entre as candidaturas recibidas, o xurado da convocatoria decidiu outorgar o premio no ámbito de sensibilización e difusión á presidenta da xunta provincial da Asociación contra o cancro (AECC) de Pontevedra, Mª Josefa Crespo Amigo, polo seu labor activo, pleno e rigoroso durante dez anos á fronte da directiva contribuíndo á modernización da entidade e ao seu achegamento á sociedade convertendo á AECC de Pontevedra nun referente da enfermidade na provincia, como destacan os propios voluntarios. A homenaxeada non puido asistir onte ao acto e no seu lugar recolleu o galardón a vicepresidenta da asociación, Alicia Sarmiento Peña.

A mención honorífica deste eido concedeuse á Coordinadora para o estudio dos mamíferos mariños (Cemma) que dende o inicio da súa actividade en 1990 baseou o seu potencial humano no voluntariado, principio no que continua sustentándose hoxe en día. A través dos seus voluntarios tamén trasladou ao conxunto da sociedade a sensibilización pola conservación do medio ambiente e o coñecemento da natureza. CEMMA ten tamén un compromiso coa divulgación e a sensibilización, a información e a educación ambiental que vén desenvolvendo ao longo destes dezaoito anos de traballo.

No ámbito dos proxectos innovadores, o xurado quixo recoñecer o traballo realizado por Maximino Cid Ferro, presidente de Asociación de mobilidade e prevención de accidentes de tráfico (PAT Ourense) que impulsa o programa “Moucho” de prevención e diminución de accidentes de tráfico. A través desta iniciativa, os voluntarios da asociación levan a cabo accións de concienciación e sensibilización nos locais nocturnos da cidade nas noites da fin de semana, nos centros escolares e na Asociación de Xordos de Ourense.

Xa por último, no ámbito do desenvolvemento sustentable e/ou comunitario, o xurado decidiu recoñecer a título póstumo o labor de José Ignacio Salgado Blanco (Xixón, 1961- Perú, 2008), coopoerante galego falecido no país andino e vinculado á ONG Agro acción alemana. Nacho Salgado faleceu o pasado 21 de setembro nun accidente mentras se desprazaba en moto a visitar un proxecto na amazonía peruana. A principios dos 90 abandonou o seu posto de funcionario da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, do que se atopaba en situación de excedencia voluntaria, para dedicarse á cooperación internacional. O galardón quixo ser un recoñecemento ao labor de Salgado Blanco xa que se trata da última morte dun cooperante galego acaecida en acto de servicio, despois das rexistradas tamén en Perú en 1999 nas que faleceron Enrique Aller López, avogado de Lalín, e Mercedes Arteche Prieto, bióloga coruñesa.

A mención honorífica foi para a Asociación de Veciños San Juan de Esmelle (Ferrol) que dende finais de 2003 leva a cabo o proxecto de recuperación do patrimonio material e inmaterial do Val de Esmelle e o aproveitamento sostible do seus recursos grazas ao traballos que realizan os propios veciños de forma voluntaria. Estes mesmos días, a entidade foi distinguida por Nacións Unidas na séptima edición do concurso internacional de Boas Prácticas, na categoría de Desenvolvemento Territorial e Urbano Sostible.


II Premio Graffiti
Xunto coa Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade convocou uns premios destinados fomentar o voluntariado e a solidariedade entre o alumnado de ensino non universitario a través da realización dun libroweb colaborativo e dun graffiti. Nesta última modalidade, o xurado decidiu conceder tres premios ao traballo presentado polos alumnos de 4º de ESO do CPR Mercantil (Vigo, Pontevedra) baixo o título “Solidariedade”; aos rapaces, tamén do mesmo curso, do CPR Manuela Rial Mouzo (Cee, A Coruña) que concurriron co proxecto titulado “Xuntos podemos”. O terceiro recoñecemento foi para os alumnos de 4º de ESO e 1º de Bacharelado do IES Carlos Casares (Viana do Bolo, Ourense) polo graffiti “Enrólate” que xa gañaran a primeira edición deste premio. A segunda categoría quedou deserta xa que non se presentou ninguna proposta. Os rapaces asistiron ao acto acompañados polos seus profesores e logo pasaron o día en Compostela convidados pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.

O seu premio consiste nunha estancia no Albergue das Sinas, en Vilanova de Arousa, para participar no programa Auga+Mar de educación e promoción do voluntariado ambiental sobre o litoral e o medio mariño. En próximos días, tamén plasmarán o seu debuxo na superficie elexida no recinto do seu centro. O material empregado será costeado polo departamento galego.


xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds