Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(27-11-2008)

Á conferencia, que tivo lugar no Hotel Araguaney en Santiago de Compostela, asistiron unhas 220 persoas

Elsa S. de Osterheld: Aínda hai tanto que facer. Quédannos 400 rapaces por recuperar!

Elsa Sánchez de Oesterheld, avoa da Plaza de Mayo, contou a súa historia "de esperanza" no marco de conversascon: en Santiago de Compostela.

"Eu tiven moitas experiencias na miña vida. Morrín moitas veces. Non sei cómo estou viva". Así comezou Elsa Sánchez de Oesterheld onte 26 de novembro a conferencia “Solidariedade sen violencia” que impartiu en Santiago de Compostela convidada pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade para participar no ciclo conversascon:. Sánchez de Oesterheld, filla de emigrantes galegos, é un dos últimos testemuños vivos das atrocidades cometidas polos militares durante a ditadura de Videla en Arxentina. Asasinaron ao seu marido, ás súas catro fillas, a dous xenros e non volviu saber de dous dos seus catro netos. "Este siglo para a miña vida foi terrible e case con 84 anos podo recoñecer que non me gusta nada o que levo visto", asegurou.

Non obstante, no transcurso das case dúas horas que prolongou o seu relato ante unhas 220 persoas foi dando as razóns para explicar porque seguiu vivindo e sobrepoñéndose a unha primeira etapa “de desesperación e mutilación da alma” tras perder á súa familia. A primera delas, a necesidade de criar a un dos seus dous netos recuperados, Martín, que non tiña máis familia ca ela; mentras os avós paternos educaban a Fernando, o segundo deles. Agora outra razón son os seus dous bisnetos, confesou entre risas."Eu tiña que aceptar que ese era o meu destino aínda que debo puntualizar que o meu caso é repetido miles de veces en toda América Latina", recoñeceu. Neste sentido, recordou ao seu home, o escritor e guionista Héctor Germán Oesterheld. Cando el publicou `El Eternauta´-a obra pola que é recoñecido- “xa entón predeciu que unha néboa mortal nos invadiría e que só a solidariedade de todos nos podería rescatar”. Precisamente, solidaridiedade, xunto con esperanza, foron as dúas palabras máis repetidas por esta avoa da Plaza de Mayo que, a pesar de todo, considera que “o odio haino que facer desaparecer, pero non hay que esquecer”.

Por eso desde a súa posición de nai e muller común -como ela mesma se definiu con moita modestia- a quen lle tocou vivir “unhas circunstancia horrorosas”, nunha segunda etapa da súa vida decidiu “poñerme a facer algo” e contar con “naturalidade por todos lados o que pasou porque eu non son escritora”. Foi aquí cando se deu conta de que “había moitas cousas que facer para os que non eramos nada”. No seu caso, transmitir con máis fidelidade ca ninguén o legado da obra do seu marido. Tamén foi nestes anos nos que contactou coas Madres de la Plaza de Mayo que, recordou, tamén tiveron uns inicios tráxicos debido ao asasinato de dúas das súas fundadoras por orde dos militares. Logo, aparecerían as Abuelas de la Plaza de Mayo e posteriormente “Hijos”, nome baixo o que se reúnen os nenos atopados gracias aos avances na investigación con ADN propiciados, explicou, pola solidariedade e o traballo da comunidade de países máis desenvolvidos para que os familiares poidesen identificar aos bebés secuestrados.


Petición de Pérez Esquivel
Xa nesta terceira etapa da súa vida, Sánchez de Oesterheld defende o non odio e o non rencor remarcando e argumentando que, ante todo, ten esperanza. "Como non vou ter esperanza se aínda son útil", exclamou ao tempo que aludiu á petición que nalgún momento lle fixo o premio Nobel da Paz, o arxentino Adolfo Pérez Esquivel: "Aínda hai tanto que facer polos rapaces (desaparecidos e adoptados por militares)!". Nestes momentos, enumerou “fáltannos 400 por recuperar!”.

A relatora foi presentada polo director xeral de Xuventude e Solidariedade, Rubén Cela, e polo escritor, Manuel Rivas, quen no seu último libro, publicado recentemente, O corpo aberto (unha ollada Indie), relata a historia de Héctor Germán Oesterheld. Para o director xeral, a conferencia de Elsa Sánchez representou a oportunidade de reflectir un tema moi de actualidade grazas ao labor da Consellería de Cultura como é a recuperación da memoria histórica. Pola súa banda, Manolo Rivas sinalou que “é un agasallo ter aquí a Elsa” ao tempo que a invitou a que contase a súa historia “para recuperar a aqueles que desapareceron”. Á conferencia asistiron tamén a consellería de Cultura, Ánxela Bugallo, e a delegada da Vicepresidencia na Coruña, Tereixa Novo, así como os familiares galegos da relatora, entre outros.

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds