Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(17-10-2008)

Cartel do Foro Internacional de Soberanía Alimentaria

Representantes de sete países debatirán este sábado 18 sobre a soberanía alimentaria no marco do ciclo de conversascon:

O ciclo conversascon:, que retoma a súa programación para este segundo semestre do ano, analizará este sábado 18 de outubro en Vigo a importancia da soberanía alimentaria, un concepto que designa o dereito de cada povo a definir as súas propias políticas agrarias e alimentarias de acordo a obxectivos de desenvolvemento sostible e seguridade alimentaria.

O Foro Internacional de Soberanía Alimentaria encádrase no VII Encontro Internacional da Marcha Mundial das Mulleres. Representantes de sete países (Galiza, Catalunya, Francia, Mali, Filipinas, México e Ecuador), de catro continentes, exporán no Auditorio Caixanova de Vigo en qué consiste a soberanía alimentaria, así como as súas implicacións, ademais de expor proxectos e realidades en torno a este dereito. Mulleres de colectivos e organizacións de Galiza, Catalunya, Francia, Mali, Filipinas, México e Ecuador analizarán o sentido, os proxectos e as realidades da soberanía alimentaria.


Dúas conferencias
A primeira das conferencias leva por título "Soberanía alimentaria: un dereito dos pobos, unha ferramenta para as mulleres", e na mesma tomarán parte Irene León (Ecuador. Socióloga e directora da área de muller da Axencia Latinoamericana de Información e colaboradora de Vía campesiña), Lidia Senra (Galiza. Representante do Sindicato Labrego Galego) e Gladys Alfaro (México. Delegada da Marcha Mundial das Mulleres).

"Construíndo soberanía alimentaria, realidades e proxectos" é o título baixo o que se desenvolverá a segunda das conferencias, nas que tomarán parte coma relatoras Caridad Ynares (Filipinas. Avogada e delegada da Marcha Mundial das Mulleres), Nana Aicha Cissé (Mali, membro da Marcha Mundial das Mulleres no Comité Directivo do Fórum pola Soberanía Alimentaria e membro da Coordinadora de ONGs de Mali), Denise Vuillon (Francia, representante da Asociación polo Mantemento da Agricultura Campesiña), Esther Vivas (Catalunya. Coordinadora da Rede de Consumo Solidario) e Rosario Sánchez (Galiza. Representante da iniciativa O Grelo Verde).

O Foro Internacional de Soberanía Alimentaria levarase a cabo de 17.00 a 21.30 horas n Auditorio de Caixanova de Vigo (Rúa Marqués de Valladares). A entrada é libre.

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds