Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(27-05-2008)

De esquerda a dereita, o director xeral, Rubén Cela, Mustafa Barghoithi e o presidente da Fundación Araguaney, Ghaleb Jaber

Mustafa Barghoithi: Nunca marcharemos de Palestina e seguiremos coa nosa loita ata acadar a liberdade

Da limpeza étnica de 1948 á ocupación de territorios en 1967 para desembocar no estado de apartheid que actualmente sofre a poboación palestina. Estas son as tres claves, segundo Mustafá Barghouthi, ex-ministro e un dos principais representantes da sociedade civil palestina, que hai que ter en conta para comprender o que acontece en Palestina desde mediados do século pasado.

O dirixente palestino está estes días, e por primeira vez, en Galiza (onte en Santiago e hoxe, a partir das 20.00 horas, na Casa da Xuventude de Ourense) no marco do ciclo conversascon:, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade. Na conferencia de Santiago, o dirixente palestino estivo acompañado polo director xeral de Xuventude e Solidariedade, Rubén Cela, e polo presidente da Fundación Araguaney, Ghaleb Jaber. Na charla de Ourense será o delegado da Vicepresidencia en Ourense, Xosé Francisco Ferreiro Abelleira, quen presente o acto.

Mustafa Barghouthi falou ante unha nutrida asistencia na Fundación Araguaney sobre Palestina e Israel. A súa intervención, como el mesmo afirmou ao principio da mesma, "só pretende dar as pautas para entender o que realmente acontece en Palestina" e que "non é reflectido nos medios de comunicación". E o que acontece é, simplemente, unha situación de apartheid, segundo Barghouthi, que comezou como a "limpeza étnica do territorio máis rápida do mundo".

Trala proxección de tres vídeos impactantes sobre o día a día do pobo nos territorios ocupados, pero moito menos cruentos dos que se poden atopar en YouTube como apuntaba o público asistente, o ponente declarou con rotundidade que "a realidade é moi clara. Pero estamos aquí non só para contar o que pasa, senón o que podemos facer", expuxo. Aparte da resistencia pacífica de Iniciativa Nacional Palestina, partido do que foi fundador e co que se presentou á elección do líder da Autoridade Nacional Palestina quedando como o segundo máis votado, reclamou un "movemento solidario internacional moi forte" para acabar coa situación de apartheid que vive Palestina. "Espero que poidades mandar voluntarios a Palestina para que vexan a realidade e a entendan. O que necesitamos non é só a vosa simpatía, senón o voso coñecemento", sinalou o relator para quen "independentemente das dificultades que nos toque vivir, nós, o pobo palestino, nunca marcharemos e seguiremos coa nosa loita ata acadar a liberdade", defendeu.

Neste sentido, Barghouthi mostrou optimismo sobre o seu futuro e sobre a forza do pobo. "Os palestinos traballamos cunha estratexia: autogoberno, autoindependencia, resistindo a ocupación combinando esto con unidade nacional e solidariedade internacional, que é unha obriga e unha necesidade". Ademais das conferencias que imparte, o secretario xeral de Iniciativa Nacional Palestina relatou que "estamós traballando tanto fóra coma dentro". Así, este verán reunirase con estudantes que acudirán a universidades extranxeiras paras explicarlles cómo presentar a causa fóra do país.

En resposta a un interesante coloquio motivado polas preguntas dos asistentes, Barghouthi, expuxo o papel de Iniciativa Nacional Palestina como mediadora e opositora á corrupción e fundamentalismo dos líderes políticos do país baseándose na unión, nunha dirección concertada e, sobre todo, na defensa da democracia. O estado de dereito é, segundo el, o único que pode frear a ocupación por parte de Israel en Palestina, e polo outro, xa a nivel xeral, para que o mundo árabe poida expresar o seu apoio sen condicións co pobo palestino. "A democracia é un punto de partida moi importante para a unidade e un prerrequisito para a paz, que só se conquerirá entre dúas entidades en pé de igualdade". Neste sentido, Barghouthi avanzou que a súa intención é convocar novas eleccións ao Parlamento tendo a garantía de que os resultados obtidos se van respectar".

Barghouthi insistiu en que están dispostos a aceptar calquera solución ao conflicto "menos o apartheid", pero que esta ao final "só" dependerá de Israel descartando neste sentido que, pese ás condicións límites ás que están sometendo á poboación -e a pesar das cales a "xente non marcha", se recurra á limpeza étnica para desfacerse deles. "Creo que no século XXI non se pode volver a repetir o que Israel fixo no 48. Creo na humanidade", dixo.

O dirixente rexeitou así mesmo a existencia dunha guerra civil interna e só recoñeceu a división entre Gaza e Cisxordania "que beneficia a Israel e é por eso que temos que reclamar a unidade nacional sen deixar de loitar contra o apartheid", reiterou.

O proceso histórico
O líder palestino lembrou que a creación en 1948 do estado de Israel supuxo para o seu pobo a "nakba" (o desastre), coa expulsión ese mesmo ano de 700.000 palestinos das súas casas e territorios. "Pero unha boa parte dos palestinos quedamos, resistindo, non foron quen de botarnos", sinalou Barghouthi que tamén vive nos territorios ocupados. Iso supuxo un contratempo para Israel, que preparou o seguinte paso: a ocupación de Gaza e Cisxordania e o inicio dunha política de creación de asentamentos israelís e de sometemento e asoballamento do pobo nestas zonas. Un deseño que se atopou coa resistencia dos palestinos a desaparecer. E Israel comezou a concretar o seu deseño dun apartheid, "que nada ten que envidiar ao que había en Sudáfrica, coma mesmo recoñeceu o que fora presidente de EEUU Jimmy Carter", apuntou Mustafá Barghouthi, e que ten coma un dos seus exemplos a construción dun muro de formigón armado de 850 quilómetros de longo e 10 metros de alto, levantado incluso en territorio palestino e que ailla e divide vilas, destroza terras de cultivo e labranza e pecha aos palestinos nun "xigantesco campo de concentración".

Barghouthi tamén se amosou moi crítico cos sucesivos procesos de paz, apuntando a que os mesmos se producían cando e como lle interesaba a Israel e sempre preservando os intereses do estado sionista, ante a complicidade de EEUU -que agora mesmo atravesa unha situación lamentable, opinou- e o silencio de boa parte da comunidade internacional. Así, indicou, se a propia ONU sinalaba en 1948 que debía haber dous estados e que o palestino tiña que asentarse no 54% do territorio, nos diferentes procesos esa porcentaxe foise reducindo "e en 2007 ofrecíasenos só o 11% do territorio", mesmo co consentimento do Hamas. E un territorio, ademais, "dividido en ghettos e batustáns, facendo imposible e inviable a creación dun estado". Esta política de expansión, analizou, desenvolveuse "porque Israel tiña un plan preconcebido que non mudou, non porque nos a provocaramos, como din".

A ocupación en cifras
Mustafa Barghouthi tamén ofreceu unha serie de datos e cifras que amosan as consecuencias da ocupación israelí e como esta se fai máis dura e sanguenta co paso do tempo. Así, se en 2000 a ratio de mortos no conflito era de 4 palestinos por cada israelí, en 2007 esa porcentaxe era de 45 palestinos por israelí. Entre o 2000 e o 2007 foron asasinados 1.000 nenos palestinos e 20.000 resultaron feridos. E a isto hai que engadir os centos de rapaces e rapazas palestinas que están nos cárceres israelís sen ser sequera xulgados. O número de puntos de control do exército increméntase constantemente (actualmente hai 607 permanentes e 440 voantes) impedindo a normalidade na vida diaria dos palestinos. Unha viaxe por estrada dunha hora en condicións normais, exemplificou, supón sete horas por mor dos "check points"). E a isto engádense leis, necesidade de solicitar permisos militares para cruzas os pasos, disposicións e medidas como, por exemplo, a que condena a seis meses de cárcere a calquera palestino que circule por unha autopista "só para israelís".

Nun momento da conferencia e citando a Nelson Mandela, a quen Barghouthi ten como referencia, o ponente resumiu unha idea: "a primeira cuestión moral é a causa palestina".

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds