Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(16-05-2008)

Foto de Ramón Chao

O xornalista e escritor Ramón Chao analiza a historia da censura en Monforte de Lemos

A conferencia está incluída no ciclo conversascon:

Ramón Chao, escritor e xornalista vilalbés afincado en Francia, impartirá o venres 16 ás 20.00 horas na Casa da Cultura de Monforte de Lemos (Lugo) a conferencia "A censura onte e hoxe". A charla forma parte do ciclo conversascon: promovido pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade. Estaba previsto que o cantante Manu Chao, fillo do relator, o acompañase durante a conferencia con motivo do concerto que ía ofrecer a continuación na vila luguesa. Non obstante e debido á cancelación do mesmo por motivos alleos á dirección xeral e á organización, non se contará coa súa presenza na conversa.

Ramón Chao estará acompañado durante a ponencia polo director xeral de Xuventude e Solidariedade, Rubén Cela, e será presentado ante o público por outro xornalista, o monfortino Xosé Manuel Pereiro, director da delegación en Galiza de TVE. A este acto tamén asistirá tamén a delegada provincial, Branca Rodríguez Pazos.

O sábado 17, Manu Chao ofrecerá ás 23.00 horas o segundo concerto previsto en Monforte esta fin de semana no campo de terra do colexio dos Escolapios, (zona da Compañía). O evento está cofinanciado pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade e a SA de Xestión do Plan Xacobeo dependentes, respectivamente, da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e da Consellería de Innovación e Industria.

Currículo
Ramón Chao (Vilalba, 1935) é actualmente crítico literario do xornal francés Le Monde Diplomatique, medio co que colabora desde 1991, e columnista de El País. Trala súa marcha a París no 1955 cunha bolsa do Goberno español para ampliar estudos musicais, cinco anos despois entra en Radio Francia, medio no que desenvolve a súa carreria profesional. En 1980 é nomeado redactor xefe de todas as emisións culturais e informativas en portugués e español da emisora gala.

Ademais da súa faceta como xornalista, Ramón Chao conta cunha dilatada traxectoria no mundo da literatura que inclúe publicacións en galego, español e francés. En 1982 creou o concurso de contos Juan Rulfo para relatos en español, que se converteu no máis importante do mundo no seu xénero, e publicou a súa primeira novela "El Lago de Como (en Arcos Vergara)" seleccionada como finalista no Premio Nacional de Literatura e á que seguirían outras en anos sucesivos.

En 1991, Chao foi nomeado Cabaleiro de Artes e Letras de Francia sendo ascendido a oficial no 2004. Un ano antes, o Estado español concedéralle a Encomenda do Mérito Civil.

Próxima conferencia de conversascon:
Mustafa Barghouthi, un dos máis activos promotores do movemento non-violencia en Palestina, impartirá sendas conferencias os 26 e 27 de maio na Fundación Araguaney en Santiago e na Casa da Xuventude de Ourense, respectivamente, tituladas "Palestina: un estado ou un apartheid", nas que analizará a situación do seu país.

O 4 de xuño, e xa como peche da programación conversascon: neste primeiro semestre do ano e con motivo da conmemoración do Día Mundial pola Donación e o Trasplante de Órganos, a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade colaborará coa asociación Alcer Coruña na organización dun video-forum denominado "Doar órganos = salvar vidas". Durante o evento proxectaráse o filme “El regalo de Silvia” (2002) ao que logo seguirá unha charla coloquio na que intervirán Rafael Rodríguez Martínez, presidente en funcións de Alcer Coruña; Jacinto Sánchez Ibáñez, director da Oficina de Coordinación de Transplantes de Galicia; e María Bouzas, actriz de reparto do filme.



conversascon >>

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds