Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(23-04-2008)

Saraiva de Carvalho despedíndose do público asistente á conferencia de Vigo

Otelo Saraiva de Carvalho trae hoxe a Compostela o seu intenso recordo da Revolución dos Cravos

Cun sonoro aplauso, e tras dúas intensas horas, rematou onte a conferencia de Otelo Saraiva de Carvalho no Reitorado da Universidade de Vigo na que estivo acompañado polo director xeral de Xuventude e Solidariedade, Rubén Cela, e o delegado da Vicepresidencia en Pontevedra, Francisco Xabier Verea. Saraiva, tenente coronel na reserva considerado un dos estrategas do 25 de abril, ofrecerá hoxe en Santiago (Hotel Araguaney, 20.00 horas) a súa segunda e última charla no marco do ciclo conversascon: que promove a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.

Coa liberdade e o preciso coñecemento de quen foi protagonista dun dos acontecementos históricos máis importantes da historia do país luso, Saraiva de Carvalho foi explicando cronoloxicamente, e cunha precisión casi sorprendente despois de 34 anos -"emitiuse un comunicado por radio ás 4.26 da maña do día 24"-, o devir dos acontementos que conduciron á Revolución dos Cravos en 1974. Neste episodio histórico, "os oficiais máis novos, último bastión do réxime falanxista de Salazar asumiron a responsabilidade de derrocar a ditadura debido, sobre todo, ás consecuencias da guerra colonial", recoñeceu.

Durante algo máis dunha hora, o ex militar na reserva foi explicando paso por paso cómo se xestou o movemento revolucionario: o malestar provocado pola contenda en África, a formación do Movimento dos Capitaes que logo se converteu no Movemento dos Oficiais, "reivindicativo, organizado na clandestinidade e que foi collendo a responsabilidade de derrotar o fascismo" e un novo cambio de nome o 25 de abril como "Movemento das Forzas Armadas" debido á implicación de todos os corpos do exército na revolta. Tampouco faltaron as anécdotas nin a mención de conversas persoais sempre acompañadas dun relato rápido, apaixonado e xesticulante xa que, como el mesmo recoñeceu, "tiña unha gran responsabilidade ante os meus camaradas de levar a éxito a misión".

Paso por prisión

"Rematada a operación o 26 de abril ás 13.00 horas", Saraiva de Carvalho foi contando cómo se desenvolveu o posterior proceso de democratización do país, a desaparición das colonias -países cos que agora Portugal mantén un boa relación, di-, e o desenvolvento económico. Non sen indignación, tamén aludiu aos cinco anos que pasou en prisión preventiva -cando o estipulado pola lei son só tres- acusado de crimes de guerra por unha maniobra do Partido Comunista" ao que non quixo apoiar politicamente, asegurou. En 2001 foi incluido entre os beneficiarios da amnistía dictada pola Asamblea de República en 1996 sen nunca recibir sentenza condenatoria "o que resulta extrano porque incluso estaba acusado de dous homicidios".

Finalizada a conferencia, Saraiva de Carvalho continuou durante unha hora máis atendendo ás preguntas dos asistentes.


Entrevista a Otelo Saraiva en Atlántico Diario >>
conversascon: >>

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds