Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono do Voluntariado: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(10-04-2008)

Os asistentes acreditándose

Máis de 1.300 persoas debaten hoxe en Compostela sobre a acción solidaria no marco do III Congreso de Voluntariado

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, é o encargado de abrir este simposio que se celebra durante toda a xornada no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia

Preto de 1.300 persoas pertencentes a entidades que traballan no eido da solidariedade en Galiza reúnense hoxe en Compostela no marco do III Congreso de Voluntariado que organiza a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Vicepresidencia. O simposio celebrarase durante toda a xornada no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia en Santiago de Compostela.

Nesta cita, a través de grupos de debate, abordaranse diferentes temas relacionados coa acción voluntaria na sociedade actual, en áreas como a cooperación, a infancia, a inclusión social, o medio ambiente, a autonomía persoal e o voluntariado cívico. Tamén se dedicará un espazo a falar sobre o voluntariado e as persoas maiores.

Programa
O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, abrirá oficialmente o Congreso ás 10.45 horas.

A partir das 11.00, desenvolverase un grupo de debate arredor do tema "O voluntariado na sociedade actual", moderado polo Director Xeral de Xuventude, Rubén Cela, e no que intervirán como relatores Luís Aymá González, Roser Batlle Suñer, e Sebastián Mora Rosado.

Xa pola tarde, a partir das 16.30 horas desenvolveranse distintas comunicacións sobre a relación entre voluntariado e cooperación, infancia, inclusión social, medio natural, autonomía persoal e voluntariado cívico. Estas comunicacións abordaranse cunha pequena ponencia que abrirá a quenda de debate entre os participantes.

A clausura correrá a cargo da secretaria xeral do Benestar, María Xesús Lago, e do director xeral de Xuventude, a partir das 18.00 horas.
Ademais destas mesas de debate, 65 entidades de voluntariado de todo o país terán expositores propios no recinto para dar a coñecer o seu traballo e outras 24 mostrarán o seu material promocional nunha zona de exposición común. Así mesmo, a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade conta cun expositor institucional.

Actualmente hai rexistradas en Galiza un total de 714 entidades que traballan no eido da acción voluntaria e coas que colaboran uns 30.000 voluntarios.


Programa do congreso >>

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds