
A investigadora e socióloga norteamericana Kellie Germond falará o próximo xoves 17 de abril na Galería Sargadelos de Pontevedra (20.00 horas) sobre a "Situación socio-política de Venezuela e Bolivia", título da conferencia. Germond ten un amplo coñecemento de proxectos de desenvolvemento e participación comunitaria nestes dous países que materializou en distintas produccións audiovisuais e estudos que avalan a súa traxectoria. Entre outros traballos, cabe destacar o documental que realizou en colaboración co cámara e editor, Jorge Tovar, "El Pozón: modelo de desarrollo integral" que ilustra un caso de desenvolvemento endóxeno da cooperativa de producción agro-ecolóxica na Sierra de Falcón (Venezuela).
Entre os estudos da relatora, destaca a tesis de maestría "Galician women and work" realizado na Loyola University (Chicago, EEUU) ou "La situación universitaria de Santiago de Compostela: lo ideal y lo real", traballo final co que obtivo a licenciatura en Antropología-Socioloxía e Filología Española no Earlham College (Indiana, EEUU). No amplo currículo de Kellie Germond tamén figura cursos de doctorado en antropoloxía social na Universidade de Santiago de Compostela.
O martes 22 e o mércores 23 o ciclo conversascon: conmemorará o aniversario da Revolución dos cravos de Portugal con sendas mesas redondas en Vigo e en Santiago de Compostela, respectivamente (20.00 horas) nas que o relator invitado será Otelo Saraiva de Carvalho, ex militar portugués considerado un dos estrategas do 25 de abril integrando o "Movimento dos Capitaes", que logo derivaría no "Movimento de Oficiais das Forças Armadas (MFA)" na que Saraiva de Carvalho pertenceu á Dirección Executiva. Precisamente, o título da charla é "Os logros sociais na Revolución dos Cravos en Portugal narrados por un dos seus protagonistas".
Un pouco de historia
Desde o seo do MFA programouse a intervención militar do 25 de abril de 1974 que provocou a caída en Portugal da ditadura salazarista que dominaba o país desde 1926, a máis lonxeva de Europa. O fin deste réxime, coñecido como Estado Novo, permitiu que as últimas colonias portuguesas lograsen a súa independencia tras unha longa guerra colonial contra a metrópoli e que Portugal mesmo se convertese nun estado de dereito democrático. Saraiva de Carvalho foi quen coordinou as accións do levantamento desde o posto de mando que estableceu no cuartel de Pontinha e trala revolución, formou parte de la Xunta de Salvación Nacional que gobernou o país veciño.
Anos despois, en 1984 Otelo Saraiva foi detido baixo a acusación de selo mentor intelectual e executivo da organización clandestina armada do FP25 (Forzas Populares 25 de Abril, o brazo militar da organización política maoísta Forza de Unidade Popular, que lideraba o propio Saraiva). Xulgado e condenado, foi liberado despois de cinco anos de prisión preventiva sen nunca recibir setenza condenatoria. Incluído entre os beneficiaros da amnistía para crimes políticos –excluídos os de sangue- aprobada pola Asamblea de República en 1996, é xulgado de novo en 2000 polos crimes cometidos polas FP25 e absolto definitivamente un anos máis tarde.
conversascon: >>