Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(25-03-2008)

Martínez Reguera recibiu un castelao como agasallo

Enrique Martínez Reguera falou en Lugo sobre os mozos/as en desvantaxe social

A conferencia tivo lugar onte no marco do ciclo conversascon: que promove a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade

O educador de nenos/asen situación de exclusión e cofundador da Escola de Marxinación de Madrid, Enrique Martínez Reguera, ofreceu onte pola tarde unha conferencia en Lugo dentro do ciclo conversascon: organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade. O ponente, con máis de trinta anos de experiencia neste campo, critou as consecuencias negativas da sociedade capitalista sobre este grupo de poboación e avogou porque os profesionais volvesen a "traballar" directamente cos rapaces/as e por unha colaboración entre todos os axentes implicados na súa educación para que non se dedicasen soamente "a facer informes", sinalou. Martínez Reguera estivo acompañado polo director xeral, Rubén Cela, e a delegada en Lugo da Vicepresidencia, Branca Rodríguez Pazos.

Ante un aforo de máis dun centenar de persoas, Martínez Reguera –galego afincado en Madrid desde hai máis de trinta anos- fundamentalmente basou a súa exposición titulada "40 anos de percorrido con mozos/as en desvantaxe social" en experiencias persoais desde que nos anos 70 se trasladou desde a súa casa, “onde vivía cunha familia acomodada”, segundo contou, a un barrio marxinal de Madrid onde a maioría da poboación pertencía á etnia xitana e o resto era xente con moi poucos recursos.

Martínez Reguera falou sobre todo da súa convivencia cos nenos/as nestas tres décadas, e sesenta dos cales criou el mesmo na súa casa, e como foi evolucionando a súa educación ó largo dos anos. Así, reflexionou que cando el chegou á zona, aquel era un barrio moi pobre que nos 80 se converteu nun lugar no que se traficaba con droga e predominaba a inseguridade cidadá. Neste sentido, e aludindo á propia evolución social, Martínez Reguera apuntou, e denunciou, á sociedade capitalista como culpable da conversión dun barrio pobre nun barrio marxinal no que se pasou a perseguir a rapaces pobres que empezaron a delinquir.

Necesidade de volver ao traballo directo cos rapaces/as

Na opinión deste filósofo, psicólogo e escritor, a sociedade está así mesmo demasiado capitalizada, desprofesionalizada e despersonalizada. Puxo como exemplo o cambio no traballo cos rapaces, aos que el se nega a chamar “menores”, como indica o réxime jurídico, por considerar que este termo “desvirtualiza” a identidade dos nenos/as. Martínez Reguera recordou que antes os profesionais (psicólogos, traballadores sociais, educadores,…) “traballaban” directamente cos nenos/as e agora só fan informe que, ao último son as únicas referencias coas que contan os xueces para emitir os seus fallos. Neste sentido, fixo unha comparación coa deixadez de todos os axentes (pais, profesores, …) implicados na educación dos rapaces.

Continuando coas súas críticas ás consecuencias negativas do capitalismo sobre a sociedade, o ponente fixo alusión aos anuncios antidroga “impactantes” e que el considera que en lugar de prever teñen o efecto contrario e fomentan o consumo. Desde o seu punto de vista, aínda que esta publicidade teña un efecto contrario ao buscado, realízase deste xeito polos intereses económicos que hai detrás, como acontece co tráfico de drogas no que en moitos casos están implicadas as propias forzas de seguridade, afirmou. Sobre o tráfico de drogas, Martínez Reguera apuntou que a súa eliminación é difícil pola falta de colaboración entre os poderes públicos e as forzas policiais.

Rematada a intervención do ponente abriuse un coloquio no que unha das presentes no público aproveitou para rebatir a afirmación de Martínez respecto das probas utilizadas polos xueces nos casos de menores.

A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade colaborou coa Rede Local de Voluntariado de Lugo na organización desta conferencia. A Rede Local de Voluntariado de Lugo está integrada polas entidades Secretariado Gitano, Asociación Valponasca, Cáritas Diocesana, Servicio de Participación e Integración Universitaria, Aspnais, Fundación JuanSoñador, Asociación Xuvenil e Cultural Ateibo e Asociación de Mulleres Separadas e Divorciadas de Lugo.

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds