Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono do Voluntariado: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(27-11-2019)

O autobús da Xunta de Galicia 'Engánchate ao voluntariado' chega ao campus de Elviña e ao Parrote

O bus comezou onte o seu percorrido en Ferrol e continuará nos vindeiros días polas sete cidades e algunhas das principais vilas galegas

A semana do 5 de decembro, Día Internacional do Voluntariado, promoveranse accións voluntarias en diferentes áreas de traballo

A Consellería de Política Social puxo en marcha unha campaña de promoción da acción voluntaria cun autobús desde o que se ofrece información sobre os programas do Goberno galego nesta materia e que hoxe pasou polo campus coruñés de Elviña e a zona do Parrote. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acompañou ao equipo deste programa que percorrerá ao longo dos vindeiros once días as principais cidades e vilas galegas baixo a lenda Engánchate ao voluntariado.

Esta iniciativa forma parte da conmemoración do Día Internacional do Voluntariado o vindeiro 5 de decembro. Ao fío desta data, a Xunta de Galicia desenvolverá varias actividades coa finalidade de poñer en valor a importancia das accións voluntarias e para que cada vez sexan máis as galegas e galegos dispostos a participar nas mesmas.

Así, a primeira semana de decembro será a Semana do Voluntariado, dado que se programará unha acción voluntaria para cada día vinculada a un ámbito concreto. Dentro do voluntariado social, entregaranse os diplomas do curso de lingua de signos para persoas voluntarias que se está levando a cabo de xeito presencial no centro coordinador de información e documentación xuvenil de Santiago de Compostela. Cómpre resaltar que esta iniciativa forma parte dun dos obxectivos do protocolo asinado entre a Consellería de Política Social e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia para promover o voluntariado na atención ás persoas xordo-cegas.

Pola súa banda, a nivel cultural, o martes 3 de decembro realizaranse labores de limpeza da área arqueolóxica no Parque de Arte Rupestre de Campo Lameiro. No ámbito do voluntariado educativo, o colexio Carmelitas de Ourense expoñerá todo o traballo que desenvolve no marco do programa Pasaporte Solidario, que por primeira vez este curso forma parte do Plan Proxecta.

Encontro de campos de voluntariado

Así mesmo, o propio día 5 terá lugar un encontro entre participantes galegos nos campos de voluntariado de Galicia, doutras comunidades e do estranxeiro, que se celebrará no auditorio do CGAC en Santiago de Compostela. Os campos de voluntariado enmárcanse na Campaña de Verán que todos os anos programa a Xunta de Galicia. Neste 2019 ofertáronse un total de 643 prazas, 40 máis con respecto a 2018, en 30 campos diferentes. A temática destas actividades abranguen a medioambiental, a etnográfica, a social, a arqueolóxica e a patrimonial. Todas comparten unha faceta dinamizadora e impulsora da zona onde se levan a cabo, así como o seu carácter internacional coa participación de xuventude doutras nacionalidades.

Voluntariado nas Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo

Por último, e para finalizar esta Semana do Voluntariado, a Consellería de Política Social programa unha actividade de voluntariado ambiental na Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo desde o venres 6 ao domingo 8. Esta acción enmárcase no programa LEWO (Life Envergreen with Volunteer) da Comisión Europea, co que se facilita que as mozas e mozos galegos se impliquen en accións de voluntariado ambiental en diferentes en zonas da comunidade de gran valor natural.

Cómpre resaltar que, tanto para a actividade en Campo Lameiro (10 prazas) como para a enmarcada no proxecto Lewo (20 prazas), o prazo de inscrición de senllas actuacións xa está aberto desde este luns 25 de novembro.

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds