Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono do Voluntariado: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(26-11-2019)


A Xunta porá en marcha o programa ‘Voluntariado no Camiño’ para informar aos peregrinos sobre o patrimonio cultural e os servizos de cada zona

◾Permitirá que os camiñantes coñezan na súa viaxe igrexas, castros ou mámoas; así como ofrecerlles información de interese sobre albergues, centros de saúde ou oficinas de turismo.

◾As primeiras rutas nas que se aplicará será o Camiño Francés, o Portugués e a Vía da Prata

A Xunta de Galicia porá en marcha o programa Voluntariado no Camiño coa finalidade de informar aos peregrinos do patrimonio cultural e dos servizos existentes en cada zona. A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, asinaron hoxe un convenio no Santuario da Escravitude que permite o desenvolvemento do programa.

Voluntariado no Camiño procura enriquecer a viaxe dos peregrinos que realizan o Camiño de Santiago, achegándolles información que precisen, e á vez, dar a oportunidade ás persoas voluntarias de ser embaixadores das rutas xacobeas, ao tempo que adquiren novas habilidades e coñecementos a través dunha experiencia única. De inicio, este programa aplicarase no Camiño Francés, no Portugués e na Vía da Prata, para despois estenderse a todas as rutas.

Esta proposta permitirá a apertura de igrexas e monumentos que reflicten a riqueza do legado histórico e relixioso do Camiño, e que con anterioridade non estaban accesibles aos camiñantes. Ademais, promocionará o patrimonio cultural existente como castros, cruceiros, lavadoiros ou mámoas, e informará aos peregrinos dos servizos dos que dispoñen na súa andaina tales como albergues, oficinas de información ou centros de saúde.

Román Rodríguez salientou que este é un proxecto que recolle á perfección os valores do Camiño de Santiago e que encaixa cos obxectivos fixados no Plan Estratéxico do Xacobeo 21, a folla de ruta do Goberno autonómico para a celebración do vindeiro Ano Santo. “Por un lado esta iniciativa enmárcase no noso obxectivo de fomentar a participación e a implicación de toda a sociedade na celebración do Xacobeo e por outro implica ao voluntariado na difusión e concienciación do retorno cultural e social do Camiño”, explicou.

O Goberno galego abrirá nas vindeiras semanas un formulario de inscrición para que todo aquel que queira participar en Voluntariado no Camiño poida anotarse. Para ser voluntario haberá que realizar un curso de formación, ben online ou presencial, coa finalidade de que se adquiran os coñecementos necesarios. Será a Xunta de Galicia a que sufrague os diferentes gastos de manutención, seguro, transportes, así como o material que se precise.

Autobús do voluntariado

Fabiola García quixo dar as grazas a todas as persoas voluntarias que fan posible programas como Voluntariado no Camiño e que converten a Galicia na comunidade máis solidaria de España. Ademais, recordou que o 5 de decembro será o Día Internacional do Voluntariado e para conmemoralo o Goberno galego ten en marcha diferentes actividades, como o autobús Engánchate ao voluntariado, que percorre a comunidade informando dos programas e medidas en materia de voluntariado que están á disposición de todas as persoas.

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds