Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono do Voluntariado: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(27-11-2019)


A semana do 5 de decembro, con motivo da conmemoración do Día Internacional do Voluntariado, promoveranse accións voluntarias en diferentes áreas de traballo

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, subliñou o altruísmo das persoas que participan nos diferentes programas de voluntariado e fixo fincapé en que Galicia é a comunidade máis solidaria de España. Díxoo na visita ao autobús de promoción de accións voluntarias que impulsa a Xunta de Galicia, que onte estivo emprazado en Ferrol

Este bus percorrerá ao longo dos vindeiros 11 días as principais cidades e vilas galegas e baixo a lenda Engánchate ao voluntariado ofrecerá información sobre os programas do Executivo autonómico nesta materia. Hoxe estará no campus de Elviña da Universidade da Coruña, ao carón da Facultade de Dereito, entre as 11,00 e as 14,00 horas; e xa pola tarde quedará emprazado na zona do Parrote, de 16,00 a 20,00 horas. Os municipios de Santiago, Pontevedra, Marín Ribeira, Noia, Melide, Lugo, Monforte de Lemos, Ourense, Celanova, Vigo e O Porriño tamén acollerán a chegada deste autobús do voluntariado.

As persoas que o visiten poderán informarse sobre programas como o proxecto de voluntariado ambiental LEWO, os campos de voluntariado da Campaña de Verán, o voluntariado de Nadal a través do programa Xuntos polo Nadal, a iniciativa Son Voluntaria/o centrada en festivais de música, o voluntariado sénior ou o plan de formación para persoas voluntarias. Tamén recibirán diverso material de promoción, como bolsas de tela, chapas, cuncas, libretas ou lapis. Así mesmo, asistirán á proxección dun vídeo con testemuñas de persoas voluntarias que participan nos programas da Xunta.


Día Internacional do Voluntariado

Esta iniciativa forma parte da conmemoración do Día Internacional do Voluntariado o vindeiro 5 de decembro. Ao fío desta data, a Xunta de Galicia desenvolverá varias actividades coa finalidade de poñer en valor a importancia das accións voluntarias e para que cada vez sexan máis os cidadáns dispostos a participar nas mesmas.

Así, a primeira semana de decembro será a Semana do Voluntariado, dado que se programará unha acción voluntaria para cada día vinculada a un ámbito concreto. Dentro do voluntariado social, entregaranse os diplomas do curso de lingua de signos para persoas voluntarias que se está levando a cabo de xeito presencial no centro coordinador de información e documentación xuvenil de Santiago de Compostela. Cómpre resaltar que esta iniciativa forma parte dun dos obxectivos do protocolo asinado entre a Consellería de Política Social e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia para promover o voluntariado na atención ás persoas xordo-cegas.

Pola súa banda, a nivel cultural, o martes 3 de decembro realizaranse labores de limpeza da área arqueolóxica no Parque de Arte Rupestre de Campo Lameiro. No ámbito do voluntariado educativo, o colexio Carmelitas de Ourense expoñerá todo o traballo que desenvolve no marco do programa Pasaporte Solidario, que por primeira vez este curso forma parte do Plan Proxecta.

Campos de voluntariado e voluntariado ambiental

Así mesmo, o propio día 5 terá lugar un encontro entre participantes galegos nos campos de voluntariado de Galicia, doutras comunidades e do estranxeiro, que se celebrará no auditorio do CGAC en Santiago de Compostela. Os campos de voluntariado enmárcanse na Campaña de Verán que todos os anos programa a Xunta de Galicia.

Neste 2019 ofertáronse un total de 643 prazas, 40 máis con respecto a 2018, en 30 campos diferentes. A temática destas actividades abranguen a medioambiental, a etnográfica, a social, a arqueolóxica e a patrimonial. Todas comparten unha faceta dinamizadora e impulsora da zona onde se levan a cabo, así como o seu carácter internacional coa participación de xuventude doutras nacionalidades.

Por último, e para finalizar esta Semana do Voluntariado, a Consellería de Política Social programa unha actividade de voluntariado ambiental na Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo desde o venres 6 ao domingo 8. Esta acción enmárcase no programa LEWO (Life Envergreen with Volunteer) da Comisión Europea, co que se facilita que as mozas e mozos galegos se impliquen en accións de voluntariado ambiental en diferentes en zonas da comunidade de gran valor natural.

Cómpre resaltar que, tanto para a actividade en Campo Lameiro (10 prazas) como para a enmarcada no proxecto Lewo (20 prazas), o prazo de inscrición de senllas actuacións xa se abriu este luns. As persoas que desexen participar deberán cubrir un formulario de solicitude dispoñible
Formulario class=tEnlac>Campo Lameiro
Formulario Lewo

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds