Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono do Voluntariado: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(21-08-2019)

Política Social impulsa actividades de voluntariado medioambiental e etnográfico en Ponteceso

20 mozas e mozos están a desenvolver actividades de limpeza e mantemento patrimonial na aldea do Couto.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, achegouse hoxe a Ponteceso para visitar ás persoas que integran o campo de voluntariado organizado pola Xunta de Galicia, en colaboración coa Fundación Eduardo Pombal, dentro da Campaña de Verán deste ano. A directora xeral puido coñecer de primeira man o labor medioambiental e etnográfico que leva a cabo este grupo de xente nova na aldea do Couto.

Cristina Pichel puxo en valor o traballo desenvolvido por 20 mozas e mozos de entre 18 e 30 anos, de Galicia, doutras Comunidades autónomas e do estranxeiro, nunha experiencia que comezou o pasado martes 13 e rematará o próximo sábado 24. O plan de traballo consiste na recollida de lixo, limpeza e mantemento desta zona, así como na identificación do rico patrimonio local.

A directora asegurou que esta iniciativa é enriquecedora para todas e todos os participantes non só a nivel formativo (con asesoramento literario, histórico e ambiental) senón tamén a nivel persoal, coñecendo novas amizades coas que realizan múltiples actividades de ocio.

Unha trintena de alternativas

Os campos de voluntariado forman parte da programación da Campaña de Verán 2019, a través da que se ofertan 30 propostas diferentes, cinco delas novas: A terra que habita no mar, no concello do Grove; outro de protección e recuperación das dunas de Corrubedo, en Ribeira; un terceiro de temática ambiental en Manzaneda; un campo en Ourense denominado Riós, una mar de castiñeiros; e por último, o primeiro campo de voluntariado intermunicipal que leva por nome Vía Xacobea: vía da prata e que se celebrará en Boqueixón e Vedra.

A programación estival da Xunta de Galicia achega á mocidade 10.000 prazas, distribuídas entre campos de voluntariado, programas de intercambios con outras comunidades autónomas, actividades concertadas e actividades para maiores de 18 anos.

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds