Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono do Voluntariado: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(07-06-2019)

Cristina Pichel entrega os Pasaportes Solidarios ao alumnado dos colexios Os Casais e Jorge Juan de Fene

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado visitou hoxe estes dous centros educativos e aos correspondentes xuvenís do IES Saturnino Montojo de Ferrol.

Felicitou aos 82 escolares destes dous colexios feneses que se implicaron en accións voluntarias durante este curso ao abeiro deste programa.

Tamén destacou o traballo de difusión de información e programas de interese xuvenís que levan a cabo os correspondentes nos centros educativos.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, destacou hoxe a solidariedade e implicación que demostra o alumnado dos centros de ensino de Galicia a través dos programas da Consellería de Política Social. Díxoo na entrega dos certificados aos estudantes dos colexios plurilingües Os Casais e Jorge Juan, en Fene, que participaron este curso na iniciativa Pasaporte Solidario, e posteriormente na visita ás mozas e mozos do IES Saturnino Montojo de Ferrol que actúan de correspondentes xuvenís no seu instituto.

Cristina Pichel felicitou aos 44 escolares do centro Os Casais e aos 38 do colexio Jorge Juan polas actividades que levaron a cabo ao abeiro da proposta Pasaporte Solidario. Os primeiros, que cursan Infantil e Primaria, realizaron accións de concienciación ambiental, traballaron valores como a igualdade, recolleron tapón, roupa, pilas e calzado, fixeron de voluntarios na biblioteca e participaron con accións propias en campañas da ONCE, Cruz Vermella ou o Día da Paz.

Pola súa banda, os estudantes de secundaria do colexio Jorge Juan colaboraron coa asociación Arraigo, que traballa con persoas en risco de exclusión social; participaron en tarefas de limpeza do interior e exteriores de centro, acompañaron ás persoas maiores que son usuarias do centro social do municipio e compartiron actividades de ocio e deportivas con persoas con parálise cerebral de Aspace-Coruña.
Correspondentes Xuvenís

A directora xeral tamén compartiu a xornada de hoxe co grupo de 34 estudantes do IES Saturnino Montojo de Ferrol que participan no programa Correspondentes Xuvenís 3.0. O obxectivo do encontro foi poñer en valor o traballo como mediadores da información que realizan de maneira voluntaria estas mozas e mozos para difundir programas e información de interese xuvenil.

Ademais do IES Saturnino Montojo, outros centros educativos de Ferrol que participan nesta iniciativa son: o IES Sofía Casanova, o CIFP Rodolfo Ucha, o IES Ricardo Carballo Calero e o colexio La Salle. Na zona tamén contan con correspondentes xuvenís o colexio Jorge Juan de Fene e o IES Terra de Trasancos de Narón. Na actualidade hai máis de 800 correspondentes xuvenís en centros de toda Galicia.

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds