Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono do Voluntariado: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(04-06-2019)

Política Social fomenta a participación activa da mocidade nos festivais de música de Galicia co programa SON Voluntario/a

Busca promover a acción voluntaria entre os mozas e mozas, que ao mesmo tempo vivirán a experiencia do festival desde dentro

A Consellería de Política Social fomenta a participación activa da mocidade nos festivais de música de Galicia a través de SON Voluntario/a, programa que poñerá en marcha a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado en colaboración coa Asociación Empresarial de Galicia.

SON Voluntario/a nace coa finalidade de promocionar a acción voluntaria entre a xuventude e dar a coñecer os beneficios que reporta tanto a nivel persoal como social. Así, este programa está destinado aos festivais de música de Galicia e a eventos de similar natureza nos que as mozas e mozos participantes realizarán diferentes tarefas e vivirán a experiencia do festival desde dentro.

Algunha das tarefas das que se encargarán son: ofrecer información de interese sobre os servizos que ofrece o festival, facilitar a circulación das persoas dentro do recinto e realizar, de ser o caso, actividades de sensibilización medioambiental. Cómpre destacar que as quendas de voluntariado serán dun máximo de tres horas ao día.

As mozas e mozos voluntarios recibirán un bono de acceso ao festival ao que acudan, facilitado polos organizadores de cada evento. Ademais, contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil, que correrá por conta da devandita Dirección Xeral.

Os participantes deberán ter unha idade entre 18 e 30 anos e terán que estar empadroados nalgún concello de Galicia. Previamente, todas as persoas seleccionadas deberán superar un curso básico sobre voluntariado que estará dispoñible na páxina web http://www.voluntariadogalego.org. A maiores, terán que asistir a unha reunión previa á celebración do festival para establecer todas as cuestión de organización, solucionar dúbidas e repartir as identificacións necesarias.

As mozas e mozos que queiran vivir unha experiencia única como voluntarios en festivais de Galicia poderán inscribirse no programa SON Voluntario/a da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado a través do formulario que estará dispoñible na páxina web, anteriormente citada, para cada un dos eventos.

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds