Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono do Voluntariado: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(29-05-2019)


A XUNTA DE GALICIA FOMENTA A PARTICIPACIÓN DOS MAIORES DE 55 ANOS A TRAVÉS DO NOVO PROGRAMA VOLUNTARIADO SÉNIOR

Investirá 120.000 euros en axudas a entidades de voluntariado e aos concellos para que realicen accións voluntarias coa implicación das galegas e galegos de máis idade.
Os proxectos estarán relacionados, entre outras temáticas, coa promoción do Camiño de Santiago e o Xacobeo 2021, a conservación e mellora da natureza, a igualdade de xénero, o benestar dos maiores ou o fomento da cooperación interxeracional

O Consello da Xunta de hoxe deu luz verde a un programa pioneiro denominado Voluntariado Sénior que ten como finalidade estimular a participación dos maiores de 55 anos en actividades de acción voluntaria. A Administración autonómica investirá 120.000 euros en axudas a entidades e aos concellos inscritos no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia para que realicen proxectos coa implicación das galegas e galegos de máis idade.
Con esta iniciativa, a Xunta cumpre un triplo obxectivo. O primeiro, manter a Galicia como comunidade de referencia neste ámbito, con máis de 8100 persoas que participaron en iniciativas autonómicas de voluntariado en 2018, un 5% máis que o ano anterior. O segundo é contribuír ao envellecemento activo e o terceiro obxectivo consiste en aproveitar os coñecementos e a e experiencia dun grupo da poboación que ten unha importancia vital a nivel social.
As xornadas de voluntariado que se beneficien desta nova liña de axudas deberán ser de tres horas diarias como mínimo e ter unha duración de entre 15 e 60 días. Desenvolveranse entre xaneiro e outubro de 2019 e contarán con ata oito persoas voluntarias por proxecto. Como máximo, cada entidade poderá recibir 2.400 euros de axuda.
Os proxectos nos que participarán os voluntariados maiores de 55 anos poderán ser dunha das seguintes dez tipoloxías: promoción do Camiño de Santiago e do Xacobeo 2021; recuperación da cultura, a arte e as tradicións galegas; conservación e mellora da natureza e creación de contornas sustentables; igualdade de xénero; innovación e investigación sobre o benestar dos maiores; adecentamento de contornas rurais e urbanas; fomento de uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación; sondaxes sobre as necesidades da veciñanza; eliminación dos estereotipos sobre as persoas maiores e fomento da cooperación interxeracional entre os maiores e a mocidade como xeito de aprendizaxe mutuo.

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds