Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono do Voluntariado: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(11-05-2019)

Fabiola García destaca a importancia do voluntariado ambiental para conservar e poñer en valor o patrimonio natural de Galicia

Axuda a potenciar os hábitats e espazos de especial valor da nosa comunidade, fomenta o respecto polo coidado do entorno entre a xuventude e ten unha vocación inclusiva e formativa.

Arredor dun centenar de mozas e mozos realizan accións de protección, sensibilización e mantemento no parque nacional das Illas Atlánticas, en varios parques naturais e en reservas da biosfera.

A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou esta mañá a importancia dos programas de voluntariado xuvenil para contribuír a conservar e a poñer en valor o patrimonio natural de Galicia. Fíxoo durante unha visita aos 8 mozas e mozos que realizan diferentes actuacións ambientais na Illa de Sálvora e aos 20 que traballan en tarefas de mantemento do complexo de dunas de Corrubedo, nas que tamén participan persoas con autismo. Á visita asistiron a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e a de Patrimonio Natural, Belén do Campo.

A Xunta impulsa as intervencións nestes dous espazos naturais ao abeiro do proxecto europeo Lewo (Life Evergreen with Volunteers). Unha iniciativa que se desenvolve entre marzo e xuño en dez hábitats protexidos da nosa comunidade: as fragas do Eume e as do Mandeo; os parques naturais de Baixa Limia-Serra do Xurés, o dos Ancares e o da Serra da Enciña da Lastra; as dunas de Corrubedo e o parque nacional das Illas Atlánticas, formado polas Cíes, Ons, Cortegada e Sálvora. Arredor de 100 persoas entre os 18 e 30 anos de idade forman parte dos grupos de voluntariado que están a intervir nestas contornas.

Fabiola García explicou que este programa cumpre varios obxectivos. Por un lado, axuda a potenciar o patrimonio natural galego e fomenta o respecto pola nosa paisaxe e medio ambiente; e, por outro, favorece a implicación da xuventude no coidado da natureza e impulsa un voluntariado inclusivo e con vocación formativa.

A conselleira fixo fincapé en que Galicia é un referente en materia de voluntariado, con máis de 8.000 persoas que participan activamente nos programas da Xunta e con 970 entidades inscritas.

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds