Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono do Voluntariado: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(26-04-2019)

Aberto o prazo para acceder ás 643 prazas nos 30 campos de voluntariado que terán lugar este verán en Galicia

A Campaña de Verán 2019 incorpora actividades de temática medioambiental e de recuperación patrimonial nos municipios do Grove, Ribeira, Manzaneda, Riós, Vedra e Boqueixón.

A Xunta ten aberto o prazo para participar nos campos de voluntariado dirixidos a mozas e mozos entre os 18 e os 30 anos, dentro da Campaña de Verán 2019 que ten por lema O verán que queres vivir. Ofértanse 643 prazas distribuídas en 30 campos que se desenvolverán nas catro provincias galegas en quendas de 12 días.

A temática destas actividades abranguen a medioambiental, a etnográfica, a social, a arqueolóxica e a patrimonial. Todas comparten unha faceta dinamizadora e impulsora da zona onde se levan a cabo, así como o seu carácter internacional coa participación de xuventude doutras nacionalidades.

Nesta edición incorpóranse cinco novos campos, que son: A terra que habita no mar, que se desenvolverá no concello do Grove desde o 1 ao 12 de setembro con temática medioambiental e de recuperación patrimonial. O campo de voluntariado nas dunas de Corrubedo en Ribeira, no que se levarán a cabo labores de mantemento deste espazo natural do 15 ao 26 de agosto. Outro campo en Manzaneda de temática ambiental entre o 21 de agosto e 1 de setembro. O denominado Riós, un mar de castiñeiros, que terá lugar neste concello ourensán desde o 12 ao 23 de xullo; e, por último, o primeiro campo de voluntariado intermunicipal en Boqueixón e Vedra que leva por nome Vía Xacobea: vía da Prata e que se celebrará do 13 ao 24 de xullo.

Dúas convocatorias

O prazo para apuntarse en primeira convocatoria está aberto ata o vindeiro día 10 de maio, ás 14.00 horas. Abrirase unha segunda entre os días 23 e 27 de maio para campos de voluntariado no estranxeiro, e dende o 29 de maio ata tres días antes de iniciarse o campo para os que se desenvolven en Galicia e noutras comunidades autónomas.

A oferta concreta de datas, lugares, programación de cada campo de voluntariado e outros datos de interese pode consultarse na páxina web de Xuventude.

Ademais destes campos, a Campaña de Verán 2019 inclúe campamentos en Galicia, programas de intercambios con outras comunidades autónomas, propostas para maiores de 18 anos a través da iniciativa Conecta Galicia e actividades concertadas, que se poden consultar no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 22 de abril. A Xunta oferta en total 9.834 prazas nesta campaña nas catro provincias galegas e mesmo fóra de Galicia.

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds