Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono do Voluntariado: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(29-11-2018)

Fabiola García destaca que o XX Congreso Estatal do Voluntariado cumpriu o obxectivo de ´difundir, fomentar e prestixiar´ o labor solidario

Salienta que o evento puxo de novo de manifesto o “selo solidario dunha Galicia aberta, hospitalaria e sempre disposta a botar unha man”

No último ano incrementouse un 35% o número de persoas implicadas en accións de voluntariado e hoxe son máis de 7700

Galicia é a única rexión de España e da Unión Europea que recoñece cun certificado oficial o traballo deste colectivo

A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou esta tarde, durante a clausura do XX Congreso Estatal do Voluntariado, que se celebrou onte e hoxe en Expourense, o éxito deste evento que permitiu “difundir, fomentar e prestixiar o labor solidario e desinteresado de persoas e entidades”. Tamén apuntou que este congreso fixo da comunidade “a capital do voluntariado en España” e puxo de novo de manifesto o “selo solidario dunha Galicia aberta, hospitalaria e sempre disposta a botar unha man”.

Na súa intervención, Fabiola García subliñou o feito de que en Galicia a participación do voluntariado sexa cada vez maior, con máis de 7700 persoas activas neste ámbito na actualidade, o que supón un incremento do 35% no último ano. Nesta liña, garantiu o apoio da Xunta a todas aquelas accións que signifiquen máis benestar como é o caso dos programas de voluntariado social, ambiental ou cultural que están en marcha nestes momentos.

A conselleira fixo fincapé en que Galicia é a única Comunidade Autónoma e a única rexión europea que acredita a acción voluntaria, un recoñecemento homologado pola Unión Europea útil para completar o currículo. Así mesmo, avogou pola colaboración entre administracións, entidades e voluntariado para seguir a avanzar na construción dunha sociedade mellor.

Fabiola agradeceu aos voluntarios, entidades e institucións de toda España a súa participaron neste congreso, así como ao comité científico, técnico e de expertos do mesmo, que estivo formado pola Plataforma do Voluntariado en España, as tres universidades galegas e entidades sociais.

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds