Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono do Voluntariado: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(24-08-2018)

A Xunta contribúe á conservación do medio natural de Coirós a través do voluntariado dun campo de traballo

Nesta acción comparten experiencias nove rapaces e rapazas procedentes doutras comunidades autónomas.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez Suárez, visitou esta mañá ao grupo de nove rapaces e rapazas de entre 18 e 30 anos de idade que participan no campo de traballo que se está a desenvolver no municipio coruñés de Coirós. Esta actividade, enmarcada na Campaña de Verán que organiza esta departamento autonómico conviven mozos e mozas procedentes de diferentes cidades de España (Barcelona, Cáceres, Granada, Guipúzcoa, Logroño, Madrid e Sevilla).

A temática deste campo, denominado ‘Monte da Espenuca, é medio ambiental. Os campistas realizan tarefas de limpeza de maleza e eliminación de especies alóctonas, coidado de exemplares autóctonos, acondicionamento de camiños e eliminación de maleza nas proximidades dunha estrutura arqueolóxica como paso previo para unha futura escavación.

A programación de actividades tamén inclúe visitas a lugares de interese de Coirós e de concellos próximos dentro da Reserva da biosfera As Mariñas e Terras do Mandeo, ao Parque Natural das Fragas do Eume así como a asistencia a festas tradicionais

A directora xeral de Xuventude destacou a importancia dos campos de traballo como ferramenta de educación non formal, xa que “engloban experiencias de participación, de voluntariado”. Ao respecto, engadiu que “son accións voluntarias, que os mozos e mozas realizan de forma altruísta e solidaria, poñendo o seu gran de area para mellorar, neste caso, a celebración de eventos que están moi arraigados no municipio de Guitiriz”.

A través da Campaña de Verán 2018, os campos de traballo poñen a disposición 925 prazas nesta tempada estival para mozos e mozas galegos, do resto de comunidades autónomas e do estranxeiro, así como para voluntarios procedentes da Galicia exterior. Así mesmo, os rapaces e rapazas da nosa comunidade poderán asistir a campos de traballo noutras rexións de España e en países como Francia, Alemaña, Bélxica, Italia, Grecia, Países Baixos, República Checa, Estonia, Letonia, Serbia, Ucraína, Islandia, Rusia, Turquía e incluso de fóra de Europa como Armenia, Camboia, China, Filipinas, Hong-Kong, Xapón, Corea do Sur, Taiwán, Nepal India e México.

Galicia conta nesta campaña cun total de 28 campos de traballo nos que os participantes realizan tarefas de tipo medioambiental, arqueolóxicas, de restauración, culturais e patrimoniais, audiovisuais e labores propias da organización dun festival. Os campos de traballo forman parte da Campaña de Verán ‘Vive a túa aventura”, na que se ofertan un total de 9870 prazas, 298 máis que na anterior edición. A Xunta inviste 3,2 millóns de euros –un 8% máis respecto ao orzamento de 2017- neste programa que segue a ser un referente a nivel de todo o Estado, ademais dun recurso de conciliación estival e de ocio educativo de primeiro nivel.

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds