Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono do Voluntariado: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(27-04-2018)

A Xunta certifica a aprendizaxe e o compromiso solidario de cinco mozos e mozas do programa de voluntariado de Aranga

O proxecto de dinamización xuvenil, apoiado pola Administración autonómica, incluíu accións para favorecer a convivencia coas persoas maiores e para fomentar a cultura e o coidado medioambiental

A titular do departamento autonómico sinalou a importancia do voluntariado para mellorar a empregabilidade xuvenil e destacou que o número de certificados expedidos creceu un 79% desde o 2011

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, entregou hoxe os certificados de experiencia aos cinco participantes no proxecto de voluntariado xuvenil desenvolvido polo Concello de Aranga cos que se recoñece a súa formación non formal en planificación e xestión, así como o seu compromiso solidario.


Con estes certificados, a Xunta, que subvencionou este proxecto con 2400 euros a través do Servizo de Voluntariado Xuvenil 2017, recoñece o traballo, a implicación e os coñecementos adquiridos por estes mozos e mozas de maneira que os poidan incorporar ao seu currículo con vistas a mellorar a súa empregabilidade e proxección de futuro no mercado laboral.

A estratexia voluntaria desenvolvida polo Concello de Aranga durante o pasado verán, da que se beneficiou a maioría da veciñanza, enfocouse a fomentar a participación da poboación xuvenil no ámbito cultural, deportivo e educativo, poñer en valor o entorno natural e dinamizar as relacións interxeracionais. Así, as persoas voluntarias, de idades comprendidas entre os 18 e 26 anos, participaron en actividades para favorecer a convivencia coas persoas maiores como os ‘venres en familia’, así como en accións para fomentar a cultura galega tradicional e o coidado do medio ambiente.

Cecilia Vázquez felicitou aos participantes e envioulles unha mensaxe sobre a importancia cada vez maior destas experiencias e das habilidades e coñecementos adquiridos, “non só para o voso crecemento persoal xa que axudades a mellorar a sociedade e enriquecedes a vida das persoas que vos rodean, senón tamén no aspecto profesional xa que as empresas valoran especialmente este tipo de perfís comprometidos”, sostivo.

A responsable autonómica sinalou o forte incremento das accións voluntarias en Galicia, que aumentou un 56%, así como o crecemento do número de certificados de voluntariado expedidos, que pasou de 11 no 2016 aos 618 da actualidade, é dicir, un subida dun 79%.

Galicia é a comunidade con maior índice de participación en materia solidaria tal e como se desprende do último informe elaborado polo Observatorio de la Plataforma del Voluntariado sobre la acción voluntaria en España en 2016, que corroboran, un ano máis, os datos que figuran no Rexistro de Acción Voluntaria da Xunta cun total de 954 entidades inscritas, nas que participan un total 40.508 de persoas voluntarias.

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds