Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono do Voluntariado: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(24-04-2018)

A Xunta impulsa a actividade xuvenil voluntaria no concello de Cervo que beneficiou a máis de medio milleiro de persoas en 2017

Ao abeiro do proxecto denominado Cervo, a carón do voluntariado leváronse a cabo actividades de axuda á conciliación familiar, lúdicas, deportivas, culturais, relacionadas co medio ambiente e de fomento da lectura entre as persoas maiores.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, entregou hoxe os certificados de experiencias aos mozos e mozas participantes do proxecto denominado ‘Cervo, a carón do voluntariado’, que beneficiou durante o verán do ano pasado a máis de medio milleiro de persoas en actividades vinculadas coa xuventude, o medio ambiente e a cultura. A Xunta de Galicia subvencionou este proxecto impulsado polo ente local deste municipio lucense con 4.800 euros, a través do Servizo de Voluntariado Xuvenil 2017.

A Administración autonómica recoñece, coa entrega destes diplomas acreditativos, o traballo, a implicación solidaria e o compromiso activo coa comunidade destes mozos e mozas de maneira que os poidan incorporar ao seu currículo con vistas a mellorar a súa empregabilidade e proxección de futuro no mercado laboral.

Neste sentido, Cecilia Vázquez felicitou aos participantes e envioulles unha mensaxe sobre a importancia cada vez maior destas experiencias e das habilidades e coñecementos adquiridos “non só para o voso crecemento persoal, xa que axudades a mellorar a sociedade e enriquecedes a vida das persoas que vos rodean, senón tamén no aspecto profesional xa que as empresas valoran especialmente este tipo de perfís comprometidos”, sostivo.

Así, as persoas voluntarias no Cervo, de idades comprendidas entre os 16 e 30 anos, desenvolveron actividades de axuda á conciliación familiar lúdicas, deportivas e culturais relacionadas co mar, a historia, o medio ambiente e a cultura mariñeira. Ademais, participaron en exposicións de carácter artístico, cultural e relacionadas co medio ambiente, ao tempo que impulsaron á lectura entre os veciños e veciñas de máis idade.

Por outra banda, a responsable do departamento de Xuventude sinalou o forte incremento das accións voluntarias en Galicia, que aumentaron un 56%; así como o crecemento do número de certificados de voluntariado expedidos, que pasou de 11 no 2016 aos 618 da actualidade, é dicir, un subida dun 79%.

Galicia é a comunidade con maior índice de participación en materia solidaria tal e como se desprende do último informe elaborado polo Observatorio da Plataforma do Voluntariado sobre a acción voluntaria en España en 2016’, que corroboran, un ano máis, os datos que figuran no Rexistro de Acción Voluntaria da Xunta cun total de 954 entidades inscritas, nas que participan un total 40.508 de persoas voluntarias.

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds