Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono do Voluntariado: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(12-04-2018)

Vacacións con Traballo na África lusófona

O Fondo Galego vén de abrir unha nova convocatoria do programa de voluntariado internacional dirixido ao persoal das deputacións e concellos socios.

Dúas empregadas e empregados das deputacións e concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade pasarán entre 15 días e un mes colaborando cos parceiros da entidade en Mozambique e Cabo Verde a través das Vacacións con Traballo.

As e os participantes nas Vacacións con Traballo achegan asesoramento técnico nos países empobrecidos e intercambian coñecementos, ao tempo que supervisan os proxectos de cooperación internacional e facilitan a colaboración entre o poder local galego e o do país de destino. Ademais, enchóupanse doutras realidades e contribúen a concienciar sobre elas.

Ata o 30 de abril permanece aberto o prazo para presentar candidaturas á decimoterceira edición das Vacacións con Traballo, que buscan dous perfís prioritarios. En Mozambique, a Fundação Encontro, que atende a poboación vulnerable, precisa dunha técnica/o informática/o que lles axude a organizar a base de datos da súa área de Acción Social. En caso de non cubrirse esta praza, o perfil secundario sería o de educador/a social. O municipio caboverdiano de Santa Cruz, pola súa banda, require unha técnica/o de Turismo que contribúa a promover o turismo rural na Cámara Municipal. As opcións secundarias son as de técnica/o de Deportes, animador/a sociocultural e técnica/o de Mocidade.

As candidaturas presentaranse enviando a ficha de solicitude ao enderezo electrónico comunicacion@fondogalego.org, canda o currículo, unha carta de motivación, e mais un escrito de apoio ou consentimento asinado pola/o representante política/o do Fondo Galego no correspondente concello ou deputación. Alén da formación e a experiencia, valorarase a vinculación co eido da cooperación e mais o dominio do galego e do portugués.

O programa cubre os gastos de desprazamento, aloxamento e manutención da viaxe, na que as persoas seleccionadas investirán o seu período de descanso. Co fin de visibilizar a realidade do Sur e sensibilizar fronte as desigualdades, o voluntariado publica un blog e á volta tamén se edita un caderno dixital. Un total de 42 empregadas e empregados da administración local participaron desde o ano 2006 nas Vacacións con Traballo.

[FONDO GALEGO DE COOPERACIÓN E SOLIDARIEDADE]

Descarga asociada

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds