Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono do Voluntariado: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(09-04-2018)

A Xunta reforza o apoio ás entidades de persoas xordas para favorecer a inclusión e desenvolvemento deste colectivo

O Goberno galego incrementará este ano nun 5% a contía do convenio de colaboración coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAPXG) ata situarse en case 760.000 euros.

As entidades SignaVoluntariado e Asociación Persoas Xordas de Ferrol levaron a cabo actividades culturais e de protección do medio ambiente, grazas á presenza da intérprete en lingua de signos e da participación do grupo de voluntariado xuvenil.

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, enxalzou hoxe o traballo que desenvolve a Asociación de Persoas Xordas de Ferrol (AXF) no fomento da inclusión social e a igualdade deste colectivo durante unha visita á sede da devandita entidade na que estivo acompañado da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez. Durante a visita o conselleiro entregou os certificados de experiencias voluntarias aos catro participantes que se implicaron no proxecto de promoción do voluntariado, ecoturismo e igualdade de xénero desenvolvido por SignaVoluntariado e a Asociación de Persoas Xordas de Ferrol.

Estas persoas voluntarias levaron a cabo actuacións que permitiron o acceso igualitario ás actividades da comunidade relacionadas con intervencións de carácter cultural e de protección do medio ambiente, grazas á presenza da intérprete da en lingua de signos e da participación do grupo de voluntariado xuvenil. En concreto, foron dous homes e dúas mulleres entre 25 e 27 persoas, resultando beneficiarias da súa acción 19 persoas.

En declaracións aos medios, Rey Varela informou de que a Xunta incrementará este ano un 5% o importe do convenio de colaboración que mantén coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAPXG), acadando así case os 760.000 euros.

O titular de Política Social insistiu en poñer de relevo o “importante traballo que levan a cabo as entidades de persoas xordas, mediante accións que favorecen o empoderamento persoal, a eliminación das barreiras de comunicación e todas aquelas propostas que aseguran o pleno desenvolvemento do colectivo”, concluíu.

Nesta liña destacou que a Xunta “non é allea á importancia que teñen estas intervencións no desenvolvemento persoal das persoas xordas”. Deste xeito, lembrou que “o compromiso deste goberno é escoitar as necesidades das entidades galegas que levan a cabo un labor vital para as persoas que precisan de máis axuda” .

Por último, Rey Varela avogou por “continuar avanzando na coordinación e traballo conxunto coas outras administracións e coas entidades, co obxecto de seguir mellorando a calidade de vida das persoas xordas, xordocegas e con discapacidade auditiva”.

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds