Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono do Voluntariado: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(15-03-2018)

A Xunta de Galicia e as entidades avanzan na posta en marcha do Observatorio Galego de Acción Voluntaria

*A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado reuniuse hoxe con representantes das asociacións para propoñer ás dúas persoas que ostentarán as vogalías que as representarán no Observatorio.

*Este novo órgano ten como obxectivo contribuír á participación de todas as entidades e das persoas voluntarias na planificación, xestión e seguimento da acción voluntaria así como a súa colaboración no impulso de actividades.

*Nel tamén estarán representadas as tres universidades galegas e o Instituto Galego de Estatística, ademais da propia Administración autonómica.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, mantivo esta mañá unha reunión con entidades de acción voluntaria co obxectivo de propoñer dúas vogalías que as representarán no Observatorio Galego de Acción Voluntaria.


Para chegar a este fin, hoxe foron convocadas as nove vogalías que representan ás entidades de acción voluntaria no Consello Galego de Acción Voluntaria: servizos sociais, medio ambiente, Protección Civil, cooperación exterior, saúde, medio rural, educación, cultura e igualdade.


As persoas propostas uniranse aos membros que integran o resto das vogalías do Observatorio e que son un representante do Instituto Galego de Estatística e un representante de cada unha das tres universidades galegas.


O Observatorio ten por obxecto contribuír á participación de todas as entidades e das persoas voluntarias na planificación, xestión e seguimento da acción voluntaria, así como a súa participación nas actividades de estudo, análise, asesoramento e proposta para a promoción, impulso, coordinación e avaliación das actividades de acción voluntaria.
Coa posta en marcha deste instrumento, a Comunidade galega disporá dun órgano consultivo que facilitará a participación activa das entidades e organizacións que actúen no ámbito da acción voluntaria; constituirá un órgano asesor na realización dos plans sectoriais de acción voluntaria, así como dinamizador e colaborador coas universidades e con figuras semellantes doutras administracións públicas, en materia de investigación e proxectos I+D+I. A creación do Observatorio tamén repercutirá positivamente nas persoas voluntarias implicadas xa que suporá un importante avance na comunicación, información, estudo e difusión do coñecemento da realidade social en que se desenvolven, así como das necesidades reais do voluntariado galego.


Esta iniciativa inscríbese na aposta do Goberno galego por seguir apoiando o voluntariado en Galicia, un dos máis comprometidos e con maior índice de participación en materia solidaria e grandes impulsores da transformación social, tal e como se recoñece e constata no último informe da Plataforma del Voluntariado sobre la acción voluntaria en España 2016. Proba disto, é que as entidades inscritas no rexistro de Acción Voluntaria aumentaron case nun 14% por cento desde o ano 2008, de xeito que agora superan as 947 asociacións. Parello a este incremento, produciuse tamén un aumento no número de persoas voluntarias inscritas, que superan xa as 40.000 na nosa Comunidade Autónoma.
Así mesmo, nesta reunión se procedeu á designación das persoas representantes das entidades de acción voluntaria de Galicia para formar parte do comité científico e de expertos do XX Congreso estatal de voluntariado que se celebrará na nosa comunidade a finais deste ano.

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds