Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono do Voluntariado: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(16-03-2018)

A Xunta fai entrega dos certificados de experiencias aos voluntarios que colaboraron en diferentes accións en Ourense e Monterrei

*En Monterrei e Cualedro realizouse un proxecto de actividades de prospección, sistematización e procesado de información relativa aos contidos culturais, artísticos e tradicionais.

*Na cidade das Burgas promoveuse a conservación dos enclaves naturais periurbanos e a restauración ecolóxica doutros espazos periféricos.

*Estas accións enmárcanse nas subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais do programa de Servizo de voluntariado xuvenil 2017

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, fixo hoxe entrega dos certificados de experiencias voluntarias a mozos e mozas que efectuaron diversas actuacións nos municipios de Ourense en Monterrei a través das subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa de Servizo de voluntariado xuvenil 2017.

Os 20 voluntarios e voluntarias realizaron un proxecto de actividades de prospección, sistematización e procesado de información relativa aos contidos culturais, artísticos e tradicionais detectables nos termos dos concellos de Monterrei e Cualedro co obxectivo de evidencialos, fixalos e dignificalos dentro do contexto contemporáneo e das novas tecnoloxías para devolvelos á sociedade local, ademais de proxectalos como parte do acervo cultural común do continente europeo. Estímase que 300 persoas resultaron beneficiarias destas accións.

Por outra banda, no que respecta á localidade de Ourense, oito voluntarios e voluntarias levaron a cabo o proxecto Ourense Vivo, coa finalidade de promover a conservación dos enclaves naturais periurbanos e a restauración ecolóxica doutros espazos periféricos recuperables, creando un continuo natural que evite a fragmentación física e ecolóxica. Ademais, adecuaron novos espazos para fomentar a sensibilización e a educación ambiental co fin último de implicar á cidadanía na súa conservación. Cómpre destacar que estes voluntarios participaron a través de Sustinea, unha asociación non lucrativa que fixa o desenvolvemento sostible como alternativa á degradación natural e como saída ás necesidades locais. Todas elas foron actuacións das que se beneficiarán os máis de 120.000 habitantes da cidade das Burgas.

No ano 2016 emitíronse 11 certificados de experiencias voluntarias e na actualidade xa contamos cun total de 618, correspondentes a accións desenvolvidas ao longo do ano 2017, o que supón un incremento considerable con respecto ao ano anterior.

Cómpre destacar que no ano 2017, na provincia de Ourense, concedéronse 21 solicitudes de subvención enmarcadas no servizo de voluntariado xuvenil cun orzamento de 89.155,03 euros, das cales 12 corresponden a entidades locais e nove a entidades de acción voluntaria. Un total de 154 certificados de experiencias voluntarias emitíronse nesta provincia.

Así mesmo, no ano 2017 o número de accións voluntarias depositadas aumentou un 56% e o 79% das persoas voluntarias solicitaron a emisión do certificado de acción voluntaria que acredita as competencias adquiridas co obxecto de mellorar a súa empregabilidade e proxección de futuro no mercado laboral.

Galicia é a comunidade autónoma máis comprometida e con maior índice de participación en materia solidaria tal e como se desprende do último informe elaborado polo Observatorio de la plataforma del voluntariado sobre la acción voluntaria en España en 2016 e que corrobora un ano máis os datos que figuran no Rexistro galego de acción voluntaria e que arroxan que hai 954 entidades de acción voluntaria inscritas nas que participan un total de 40.508 persoas que día a día aportan o seu tempo á mellora da sociedade.

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds