Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono do Voluntariado: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(12-03-2018)

Cartel da exposición Punto e Seguido

FEGADACE inaugura o 20 de marzo a exposición Punto e Seguido

No acto, que terá lugar en Compostela, tamén se vai estrear unha curtametraxe co mesmo título.

A Federación e as asociacións galegas de dano cerebral queren achegar á cidadanía galega a realidade das persoas e familias con dano cererebral adquirido. Para iso FEGADACE vai estrear en Santiago de Compostela o vindeiro 20 de marzo unha curtametraxe e unha colección de fotografías nas que as persoas con dano cerebral abren as súas portas, amosando que o DCA non é un punto final. Que é un 'Punto e Seguido' para unha nova vida.

A colección de fotografías, de Aigi Boga, realizouse nas cinco asociacións membro de FEGADACE. Están protagonizadas polas persoas usuarias de ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer e Sarela, que amosan o seu día a día, as actividades que desenvolven, os ratos de descanso, a convivencia... en definitiva, a vida despois do punto e seguido que constitúen un ictus, un accidente, ou calquera outra das causas do dano cerebral adquirido.

O vídeo, creado por Edición Rusa, conta con diferentes testemuños de persoas con DCA, familiares e profesionais das asociacións. Xuntos crean un retrato da complexidade de secuelas que compoñen o dano cerebral adquirido: físicas, sensoriais, económicas, cognitivas, sociais, orgánicas... Ambos os dous materiais foron elaborados co apoio da Deputación da Coruña. Para a exposición contouse, ademais, coa colaboración da Fundación La Caixa.

Inauguración en Compostela

A inauguración vai ter lugar na Sala de Exposicións Campus Stellae (Praza da Quintana, 3 - Santiago de Compostela), o martes 20 de marzo, Día da Felicidade, ás 19:00 hh. Van intervir o autor das fotografías, Aigi Boga; unha das persoas con dano cerebral protagonistas do vídeo, Marco Pérez; o presidente de FEGADACE, Luciano Fernández; e diferentes representantes institucionais.

'Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido' poderá visitarse ata o 30 de abril, de 9:00 a 20:00. A continuación iniciará un percorrido que a levará, ao longo de 2018, ás cidades da Coruña, Ourense, Vigo e Lugo. Proximamente iranse anunciando as datas e salas nas que se poderá visitar.
[FEDERACION GALEGA DE DANO CEREBRAL, FEGADACE]

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds