Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono do Voluntariado: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(05-03-2018)

A Xunta fomenta o voluntariado e a solidariedade entre o alumnado galego a través do programa ‘Pasaporte Solidario’

Esta proposta da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado promove que os escolares adquiran un compromiso e colaboren de forma activa na mellora da sociedade.

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou esta mañá ao alumnado do colexio La Salle de Ferrol que participa no programa de fomento do voluntariado ‘Pasaporte Solidario’ que impulsa a Xunta en centros de ensino das catro provincias de Galicia. Á visita tamén asistiu a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez.

Rey Varela salientou o compromiso coa sociedade que caracteriza ao colexio La Salle, co desenvolvemento de diversas actividades que fomentan entre os seus estudantes diversos compromisos de voluntariado, tales como a recollida de alimentos, participación en campos de traballo ou acompañamento a maiores e persoas hospitalizadas, entre outras. Nesta liña, engadiu que ‘Pasaporte Solidario’ é un programa que “facilita a posibilidade de adquirir un compromiso e colaborar de forma activa na mellora da sociedade”.

Ademais, o titular de Política Social explicou que os obxectivos de este programa son promover os valores de solidariedade, a participación, o compromiso social e o voluntariado, ao tempo que promove a implicación da xente nova dende unha idade temperá, así como o traballo en equipo.

Os participantes en ‘Pasaporte Solidario’ reciben un documento a modo de pasaporte que cobren a media que realizan accións solidarias, e cando rematan o seu itinerario de solidariedade se lles entrega una acreditación que recoñece a súa participación no programa.

O Goberno galego, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, ofrece unha programación para que a mocidade teña a posibilidade de desenvolver un itinerario voluntario completo e continuo, que comeza na educación infantil e primaria co Voluntariado Miúdo: “Móvete”, segue co “Pasaporte Solidario”, dirixido a mozos de ata 12 anos; continúa coa Rede de Centros Solidarios para estudantes de secundaria; e complétase co Servizo de Voluntariado Xuvenil, que se prolonga ata os 30 anos.

Ao respecto deste abano de iniciativas de voluntariado, o conselleiro manifestou que “en Galicia apostamos pola creación dunha comunidade de xente nova comprometida, non indiferente e aberta; e consciente de que as ideas sinxelas e as accións, por pequenas que estas poidan parecer, inflúen de maneira positiva na sociedade”.

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds