Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono do Voluntariado: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(16-02-2018)

A Xunta incrementa nun 14% os participantes no programa Correspondentes xuvenís 3.0 ata sumar case 600 estudantes

Son 86 os centros de ensino de toda Galicia que participan nesta iniciativa, na que os estudantes destinan parte do seu tempo a divulgar entre a xente nova programas e actuacións do seu interese como actividades de ocio, culturais, de voluntariado, formativas ou bolsas de axudas, entre outras.

A responsable autonómica de Xuventude destacou a importancia que teñen os correspondentes xuvenís para dinamizar a información e que esta chegue a un maior número de mozos e mozas.

A Administración autonómica recoñece oficialmente esta actividade de voluntariado coa expedición dun certificado aos participantes.

Do 23 ao 25 de febreiro celebrarase un encontro autonómico de correspondentes xuvenís nas instalacións do albergue de Gandarío, situado no municipio coruñés de Bergondo.

A rede de información e apoio xuvenil da Xunta de Galicia, os Correspondentes 3.0, creceu este curso un 14% nos centros de ensino galegos o que supón que xa preto de 600 estudantes dedican parte do seu tempo a divulgar entre a xente da súa idade iniciativas e programas do seu interese. Así o destacou a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, que participou hoxe nunha xuntanza co grupo de 18 alumnos e alumnas do IES Terra de Trasancos que participan neste programa de Correspondentes Xuvenís 3.0.

Cecilia Vázquez salientou a importancia do labor que fan estes correspondentes para que a información chegue á xente nova coa súa linguaxe e nos lugares e redes sociais onde se move de xeito habitual. Nesta liña, agradeceulles o seu traballo e sinalou que “sen esta iniciativa de dinamización da información xuvenil as accións impulsadas desde Xuventude non chegaría a tantos mozos e mozas, polo que deste xeito gañan en efectividade e en número de persoas beneficiarias”.

Na actualidade, o programa de Correspondentes Xuvenís 3.0 conta coa participación de 86 centros de ensino de toda Galicia. Os correspondentes son estudantes do segundo ciclo da ESO, Bacharelato ou ciclos medios e superiores de Formación Profesional que dan a coñecer e difunden no seus centros educativos, nas súas contornas máis próximas, nas redes sociais, en blogs e no seu concello os recursos postos en marcha pola Administración autonómica, xa sexan programadas da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ou bolsas de axudas, ofertas de traballo, direccións de interese, aloxamentos xuvenís ou información sobre ocio e tempo libre.

Os correspondentes actúan de mediadores, o que redunda nunha mellor acollida das iniciativas impulsadas polo departamento autonómico de Xuventude por parte dos compañeiros ao sentirse máis identificados coa temática.

No IES Terra de Trasancos, ademais do estudiantado, colaboran cinco profesores, aos que a directora xeral tamén agradeceu a súa labor. Entre as iniciativas postas en marcha destaca a apertura dun blog.

Cecilia Vázquez insistiu en que “esta labor de información entre iguais non soamente permite potenciar a participación xuvenil senón que tamén favorece a asunción temperá de responsabilidades e tradúcese en que os correspondentes adquiren valores como a solidariedade e o liderado, así como habilidades comunicativas e sociais”. Estas aptitudes son recoñecidas de xeito oficial pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado que expide un certificado recoñecendo o tempo realizado como voluntariado e entrégalles aos participantes de forma gratuíta o carné xove e o resto de carnés destinados a mocidade.

Por último, a directora xeral lembrou que na vindeira semana, do 23 ao 25 de febreiro, terá lugar nas instalacións xuvenís de Gandarío, situadas no municipio coruñes de Bergondo, un encontro autonómico de correspontes xuvenís.

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds