Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(23-11-2017)

A Xunta certifica a educación non formal e a acción voluntaria para favorecer a inserción laboral dos mozos e mozas galegos

Galicia é unha das primeiras comunidades que, seguindo o modelo europeo, certifica a aprendizaxe entre a xente nova que se implica en programas de voluntariado. Ademais, o Goberno galego dá prioridade nas súas políticas xuvenís a iniciativas centradas na educación non formal.

A responsable do departamento autonómico de Xuventude sinalou que “a finalidade é que a mocidade adquira novos coñecementos, habilidades e destrezas que lles axuden na súa transición ao emprego”.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez Suárez, participou hoxe no ’Seminario de responsabilidade social e innovación educativa: a aprendizaxe-servizo como ferramenta para inserción laboral’, organizado polo grupo de investigación Esculca da Universidade de Santiago de Compostela e que se desenvolveu na Aula Magna da Facultade de Matemáticas. Cecilia Vázquez abordou nun relatorio o fomento da participación xuvenil, así como dos programas e accións de educación non formal que se están a impulsar desde o seu departamento autonómico.

Na súa intervención, a directora xeral subliñou que Galicia segue as liñas de voluntariado recomendadas pola Unión Europea, sendo unha das primeiras comunidades autónomas que certifica a aprendizaxe voluntaria e que dá prioridade nas súas accións á educación non formal. Ao respecto, apuntou que desde a Xunta promóvense programas e intervencións neste ámbito que “permiten aos participantes adquirir coñecementos e competencias transversais que son altamente valoradas polo tecido empresarial ”.

Así, Cecilia Vázquez explicou que os certificados de experiencia voluntaria e de educación non formal en materia de xuventude outórganse aos mozos e mozas que participan nos campos de traballo da Campaña de Verán; nos programas ‘Galeuropa’, ‘A Xuventude no Mundo’, ‘Erasmus +’, ‘Correspondentes Xuvenís 3.0’, ‘Xuventude en Acción’, ‘Deseñando o teu futuro’, ‘Líderes de futuro’ ou ‘Iniciativa Xove’. “Ademais de validar a formación e habilidades derivadas da participación nestes programas, os certificados supoñen unha vía máis para axudar á xente nova na transición ao emprego”, sinalou a responsable das políticas xuvenís en Galicia..

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado expuxo a importancia que ten dar prioridade a programas que teñan un compoñente de educación non formal facendo referencia ao un estudo da Universidade de Santiago de Compostela en que se analiza a repercusión destas iniciativas na empregabilidade da mocidade. Dito informe acredita que accións como ‘Galeuropa’, ‘Iniciativa Xuvenil’ ou ‘Voluntariado Xuvenil’ responden a súa última finalidade que non é outra que mellorar as competencias, habilidades e destrezas dos mozos participantes, cara a incentivar a súa participación social e facilitar a súa inserción laboral.

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds