Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(22-11-2017)

A Xunta de Galicia participará no XIX Congreso Estatal do Voluntariado ‘Sumando voluntades’ en Sevilla

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado recollerá o testemuño deste encontro, que no vindeiro 2018 se celebrará en Galicia.

Nos últimos anos Galicia, a través da Consellería de Política Social, ten desenvolvido importantes iniciativas en materia de voluntariado, tanto desde un punto de vista lexislativo como desde a perspectiva de desenvolvemento dunha sociedade solidaria.

A nosa Comunidade é a máis comprometida e con maior índice de participación neste ámbito, contando na actualidade con 40.000 persoas voluntarias.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, está a participar hoxe e mañá no XIX Congreso estatal do voluntariado Sumando voluntades, que terá lugar no Palacio de exposicións e congresos en Sevilla.

Ao longo dos últimos anos Galicia, a través da Consellería de Política Social, ten desenvolvido importantes iniciativas en materia de voluntariado, tanto desde un punto de vista lexislativo como desde a perspectiva de impulso de accións e programas de estímulo e desenvolvemento dunha sociedade solidaria. Ditas accións facilitaron un enriquecemento da participación social en distintas áreas de actuación e a posta en valor dos colectivos e persoas voluntarias que día a día teñen contribuído á súa realización.

Neste sentido, a directora xeral recollerá o testemuño para a celebración do XX Congreso estatal de voluntariado que se levará a cabo en Galicia no vindeiro ano 2018 e que suporá, sen dúbida, unha magnífica oportunidade para manter un amplo encontro cos diversos colectivos interesados e implicados coa acción solidaria.

Como continuación das tarefas de promoción da acción voluntaria, resulta de interese compartir as experiencias da nosa comunidade co conxunto de colectivos interesados e convocados neste ámbito, así como recoller aquelas experiencias desenvolvidas noutros territorios. Deste xeito, farase máis visible o compromiso de Galicia coa transmisión dos valores do voluntariado, un dos activos máis importantes do futuro.

Cómpre destacar que, en materia de participación social, no último informe elaborado polo Observatorio de la plataforma del voluntariado sobre la Acción voluntaria en España en 2016, Galicia é a comunidade autónoma máis comprometida e con maior índice de participación en materia solidaria -tanto no que se refire a poboación voluntaria como aquela que colabora economicamente-, e na actualidade conta con 40.000 persoas voluntarias implicadas en programas solidarios.

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds