Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(05-11-2017)

A Xunta abre o prazo de inscrición no curso en liña de voluntariado en proxectos de envellecemento activo

Esta acción formativa conta con 20 horas lectivas estruturadas en catro módulos e non hai límite de prazas.

As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición na plataforma dixital do Voluntariado Galego.

Mañá tamén se abre o prazo para a inscrición no programa Xuntos e voluntarios no Nadal para que as persoas maiores que viven soas poidan pasar esas datas acompañadas de voluntarios

A Xunta de Galicia abre o prazo de inscrición para a primeira edición do curso en liña Voluntariado en proxectos de dinamización de envellecemento activo e saudable, destinado preferentemente ao persoal técnico e ás persoas voluntarias das entidades inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria da administración autonómica.

Esta acción formativa, de 20 horas lectivas e sen límite de prazas, está estruturada en catro módulos e as persoas participantes comezarán aproximándose aos conceptos clave no ámbito do envellecemento activo, onde o estudo do papel do voluntariado e as súas experiencias innovadoras así como a análise da Estratexia galega de envellecemento activo desde a innovación 2016-2020 (Esgaen), definirán os primeiros contidos formativos.

Así mesmo, estudaranse metodoloxías, tipos de intervencións e o rol do voluntario e desenvolveranse proxectos integrais de envellecemento activo e saudable.
O curso inclúese no plan de formación para as persoas voluntarias e os profesionais de promoción e xestión do voluntariado proposto desde Voluntariado Galego, co obxectivo de mellorar a xestión do ciclo da acción voluntaria. Unha meta en consonancia cos retos establecidos na Estratexia galega de acción voluntaria 2016-2018.
As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición no curso a partir de mañá luns, na plataforma dixital do Voluntariado Galego.

Xuntos e voluntarios no Nadal

Así mesmo, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, e a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, poñen en marcha de xeito conxunto a 6ª edición do programa de voluntariado Xuntos e voluntarios no Nadal, que se desenvolverá entre o 23 de decembro de 2017 e o 7 de xaneiro de 2018 co obxectivo de que as persoas maiores que vivan soas poidan pasar acompañadas as festas do Nadal.
Deste xeito, as persoas maiores que o desexen terán aloxamento e manutención en réxime de pensión completa durante os días que dura o programa.

Así mesmo, todo aquel/a que así o desexe poderá acudir residencias de tempo libre nas que se albergarán os maiores como voluntario/a, e prestar o seu apoio e colaboración nas actividades que nelas se organicen nesas datas, así como ofrecer a súa compaña aos usuarios que alí se atopen.

As persoas voluntarias que participen estarán cubertas pola póliza de seguro de accidentes e responsabilidade civil que ten subscrita a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

O desprazamento correrá por conta de cada un dos voluntarios, que recibirán un certificado acreditativo onde conste o labor realizado e as tarefas desenvolvidas, que será inscrita como experiencia voluntaria no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.
As persoas interesadas en participar en dito programa poderán facer a súa inscrición a partir de mañá día 6 ata o 30 de novembro inclusive través da páxina web de voluntariado galego.

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds