Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(28-09-2017)

A Xunta informa na páxina web de Política Social sobre a convocatoria de subvencións con cargo ao 0,7% do IRPF

A nova pestana informativa dirixida ás entidades do Terceiro Sector estará habilitada a partir de mañá venres, coincidindo coa publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Esta é a primeira vez que a Administración autonómica xestiona estas achegas públicas para a realización de programas de interese xeral, e que suman no seu conxunto un montante de 11,4 millóns de euros.

A Consellería de Política Social habilitará a partir de mañá venres un apartado na páxina web destinada a dar conta ás entidades do Terceiro Sector sobre a concesión de subvencións con cargo á asignación tributaria do 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF). A entrada en funcionamento desta nova pestana informativa coincidirá coa publicación mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG) da convocatoria destas achegas e, entre outra documentación, incluirá fichas para as memorias dos programas e o proxecto de investimento.

Esta é a primeira vez que a Xunta de Galicia distribuirá subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social con cargo ao 0,7% do IRPF. A convocatoria establece un procedemento transitorio e excepcional dirixido, en tanto se perfila un novo modelo de xestión, a garantir a continuidade no ano 2018 dos programas que atenden fins de interese social en Galicia con cargo a dita asignación tributaria. Deste xeito, neste ano 2017, o procedemento de concesión das axudas se tramitará en réxime de concorrencia non competitiva.

A convocatoria está dotada cun orzamento de 11.453.784 euros e só poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades do Terceiro Sector de Acción Social que xa recibiran axuda na convocatoria do ano 2016 con cargo ao IRPF para o desenvolvemento de programas que tiveron que ver coa atención ás persoas con necesidades de atención integral socio-sanitaria, necesidades educativas ou de inserción laboral e programas para o fomento da seguridade cidadá e a prevención da delincuencia. Cómpre destacar que na convocatoria estatal de 2016 resultaron adxudicatarias en Galicia dun ou varios programas, un total de 72 entidades que desenvolveron 238 programas por un importe superior aos 11 millóns de euros.

Nesta convocatoria financiaranse programas sociais dirixidos de forma prioritaria ás persoas maiores, ás persoas con discapacidade, á mocidade e á infancia. Así mesmo, beneficiaranse colectivos de mulleres en risco de exclusión, persoas afectadas por problemas de drogodependencia, persoas de etnia xitana, poboación recluída e ex-recluída, refuxiados e asilados, migrantes, vítimas do terrorismo e persoas afectadas polo VIH/SIDA.

Serán subvencionables os gastos correntes directamente derivados da actuación subvencionada e os gastos de investimento de continuidade referidos a equipamento, obras de adaptación e rehabilitación e adquisición de vehículos adaptados. A Xunta de Galicia anticipará ás entidades beneficiarias o 100% da subvención no momento de concesión, sendo a xustificación posterior á realización das actividades.

Para a determinación dos proxectos que poden ser obxecto de subvención e da contía máxima individualizada da mesma, teranse en conta os resultados obtidos na anualidade 2016.

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds