Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(30-06-2017)

A Xunta pon en marcha un novo programa de voluntariado social dirixido aos maiores que viven sós nos seus fogares

O obxectivo é contribuír a mellorar a calidade de vida das persoas maiores, favorecer o seu protagonismo en actividades sociais e propiciar as relacións interxeracionais.

A acción de acompañamento desenvolverase un máximo de 3 días á semana que non poderán sumar no conxunto dun mes natural máis de 8 días e no total do programa os 20. Ademais, en ningún caso esta actividade suporá a asunción de tarefas de carácter asistencial ou de axuda no fogar.

A Consellería de Política Social pon en marcha un novo programa de voluntariado social para a atención e o acompañamento de persoas maiores de 65 anos que viven soas nos seus fogares. O conselleiro José Manuel Rey Varela presentou hoxe esta iniciativa, denominada “Acompaño”, ás entidades galegas de acción voluntaria que realizan proxectos ou actividades orientadas ao fomento do benestar do colectivo de maiores, nun acto que tivo lugar na Cidade da Cultura e que tamén contou coa participación da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez.

Na súa intervención, Rey Varela explicou que o programa vai dirixido a impulsar e propiciar a participación de persoas voluntarias que queiran implicarse en axudar a que os maiores teñan unha vellez activa e saudable. “Trátase de contribuír a mellorar a saúde e calidade de vida dos nosos maiores, favorecer o seu protagonismo en actividades sociais, fomentar a relación interxeracional e mitigar os sentimentos de soidade ou illamento que poidan sentir prestándolles acompañamento e apoio emocional”, indicou.

Así mesmo, o responsable da área social do Goberno galego sinalou que para o voluntariado que participe nesta iniciativa a convivencia con persoas maiores “pode resultar unha magnífica oportunidade de desenvolver e acadar un enriquecemento persoal que lles permita un coñecemento do entorno social no que viven e a posibilidade de adquirir habilidades de formación para o futuro”.

Os obxectivos de “Acompaño” son o fomento da solidariedade nas persoas mozas e dunha vellez activa; a mellora persoal, o benestar e a tranquilidade dos maiores que viven soas; e a promoción da vida independente conforme se van cumprindo anos respectando a permanencia das persoas maiores nos seus fogares. Ademais, a través deste programa, tamén se procura a detección de posibles problemas de saúde, a prevención, o control e a diagnose precoz; a redución dos riscos de depresión, crise, ansiedade ou inseguridade que pode acontecer cando se vive só; así como a mellora da atención das persoas maiores no medio no que se atopan.

A acción voluntaria prevista neste programa desenvolverase cun máximo de 3 días á semana que non poderán sumar no conxunto dun mes natural máis de 8 días e no total do programa os 20 días. Cada día que se realice a acción de acompañamento esta deberá desenvolverse durante un mínimo de 2 horas e en ningún caso suporá a asunción de tarefas de carácter asistencial ou de axuda no fogar.

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado seleccionará ás persoas voluntarias, impartirá os cursos de formación que sexan necesarios para o correcto desenvolvemento da iniciativa e asumirá os custes de manutención e transporte do voluntariado, en caso de ser necesario, fixándose o custe máximo de persoa voluntaria e día en 8 euros. Pola súa banda, as entidades de acción voluntaria achegarán un listado das persoas maiores dispostas a participar no programa e verificarán tanto o cumprimento axeitado das accións voluntarias como o grao de satisfacción das experiencias.

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds