Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(07-06-2017)

A Xunta mellora a capacitación dos voluntarios a través dun curso de voluntariado nivel básico

Os participantes tamén adquiriron coñecementos sobre o marco normativo e motivación de equipos.

Galicia é a comunidade autónoma con maior porcentaxe de poboación implicada neste ámbito.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, acudiu hoxe á clausura do curso de formación básica en proxectos de voluntariado, no que os asistentes adquiriron coñecementos sobre o marco normativo que ampara ao voluntariado en Galicia, sobre a xestión de proxectos e sobre a motivación de equipos.

A titular autonómica enmarcou esta acción formativa na aposta do seu departamento por facer visible o traballo dos voluntarios e pola mellora continua da xestión dos proxectos, tendo en conta ademais que Galicia é a comunidade autónoma con maior porcentaxe de poboación implicada en labores de voluntariado, sendo este o 14,7% segundo o informe La acción voluntaria en 2016, elaborada pola Plataforma de voluntariado en España e o Observatorio de voluntariado.

“Esta aprendizaxe trata de proporcionarlle aos participantes os coñecementos teórico- prácticos que lles permitirán elaborar e dirixir proxectos máis adaptados ao contexto e as características das persoas ás que van dirixidos”, sostuvo Cecilia Vázquez, antes de dar os parabéns aos voluntarios que se animaron “a dedicar parte do seu tempo libre, 20 horas lectivas, a formarse de xeito presencial durante os meses de maio e xuño”.

O curso, impartido no Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil, está incluído no Plan de formación para as persoas voluntarias e os profesionais de promoción e xestión do voluntariado proposto desde Voluntariado Galego, que busca a mellora en termos de transparencia, eficacia e eficiencia.

Ao longo de 2016, realizáronse nove cursos en liña e tres presenciais, nos que se formaron 1320 persoas. Os voluntarios acadaron nocións fundamentais en habilidades de carácter formal e non formal que lles permitirán asumir funcións nun futuro con maior seguridade e coñecemento da realidade social na que se moven. A oferta formativa deste ano abarca as áreas de voluntariado e continxencias mariñas, voluntariado e riscos laborais, voluntariado por e para maiores, voluntariado en catástrofes e emerxencias, voluntariado ambiental e voluntariado para a igualdade.

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds