Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(02-06-2017)

Día Mundial do Medio Ambiente: “A Ruta do Consumismo”

O vindeiro luns, 5 de xuño, celébrase o Día mundial do Medio ambiente, e con esta data preténdese homenaxear ao planeta no que vivimos e recordar á poboación a necesidade de protexelo.

A nivel local, Amigos da Terra vai celebrar este día organizando unha actividade de sensibilización sobre as consecuencias ambientais dos nosos hábitos de consumo. Baixo a denominación “A Ruta do Consumismo” realizaremos un percorrido polas rúas do casco vello da cidade de Ourense, e no que participaran o alumnado de dous centros educativos o IES San Mamede de Maceda e o centro EPAPU de educación e promoción de adultos de Ourense.

Nesta ruta interpretativa do consumismo poderase coñecer, ao longo de diferentes paradas nas proximidades de diferentes establecementos comerciais, os problemas asociados a catro tipos de produtos de consumo moi habitual entre a mocidade e adolescentes: Alimentos, Roupa, Cosméticos e Equipos electrónicos.

Na parada destinada aos alimentos os alumnos coñeceran impactantes datos e poden reflexionar sobre as relacións entre a produción de determinados alimentos e a deforestación que acontece noutros países a miles de quilómetros de distancia, así como sobre os residuos químicos (pesticidas e abonos) que permanecen na nosa comida sen que sexamos conscientes deles.

Respecto aos cosméticos teñen a ocasión de coñecer varios dos ingredientes sintéticos e químicos que absorbemos pola pel e os riscos que representan sobre a saúde, mentres que na parada en relación á roupa se explicase a longa viaxe que debe facer unha peza dende a súa confección ata as tendas onde a mercamos, pondo atención nas problemáticas condicións do traballo e impactos ambientais que se suceden ao longo deste percorrido

Para finalizar hai ocasión de debater sobre a cara oculta do consumo dos equipos electrónicos, falando sobre os impactos da súa fabricación e do desexo da súa rápida substitución ao que a publicidade nos empurra ou tamén sobre a obsolescencia programada e a problemática da recuperación e reciclaxe de residuos electrónicos.

Con esta actividade preténdese concienciar os participantes sobre a necesidade de implicarse, a través da adquisición duns hábitos de consumo máis xustos e responsables, contribuíndo así á preservación dos recursos naturais e ao desenvolvemento dunha sociedade máis xusta, solidaria e respectuosa co medio.

Día 5 de xuño

Lugar: – Parque de San Lázaro – Parada de autobus diante da Subdelegación do Goberno ás 11 horas
-Praza do Ferro ás 11:30 horas
[ASOCIACIÓN AMIGOS DA TERRA GALICIA-XUVENTUDE]

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds