Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(18-05-2017)

A Xunta celebrará unhas xornadas sobre medio ambiente e desenvolvemento sustentable para mocidade de toda España

A dirección xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado organiza este encontro que terá lugar do 16 ao 18 de xuño en Gandarío ao abeiro do programa Movic`17 da Rede Española de Albergues Xuvenís (REAJ).

Un máximo de 30 mozos e mozas galegos e doutras comunidades autónomas gozarán de distintas actividades de investigación e coñecemento do medio natural e os seus valores, ademais de participar en accións de voluntariado ambiental e outras de lecer educativo.

As persoas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro día 7 de xuño para formalizar a súa inscrición a través do formulario que teñen a súa disposición na páxina web de Xuventude.

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia organiza as xornadas tituladas Implicando á xuventude na conservación do medio ambiente e o desenvolvemento sustentable, que se desenvolverán os días 16, 17 e 18 do vindeiro mes de xuño no albergue xuvenil de Gandarío. Un máximo de 30 mozos e mozas galegos ou doutras comunidades autónomas e con idades comprendidas entre os 18 e os 25 anos poderán participar neste encontro que se desenvolverá no marco do programa Movic´17 da Rede Española de Albergues Xuvenís (REAJ), do que Galicia resultou gañadora xunto co proxecto Jóvenes y preparados presentado por Cantabria.

Os mozos e mozas interesados poderán facer a súa inscrición ata o vindeiro día 7 de xuño a través do formulario que teñen á súa disposición na páxina web de Xuventude e, ademais da idade, o único requisito para anotarse é ter o carné de alberguista en vigor. As prazas asignaranse por rigoroso orde de inscrición. O obxectivo destas xornadas é facer visible entre os participantes as oportunidades sociais e económicas que se xeran arredor das reservas da biosfera e dos espazos naturais protexidos.

De feito, o programa deste evento permitirá aos inscritos gozar de diversas actividades de investigación e coñecemento do medio natural e os seus valores, ademais de participar en actividades de voluntariado ambiental e outras de lecer educativo. Así, as xornadas inclúen a realización de actividades en espazos das Mariñas Coruñesas e Terras de Mandeo; charlas sobre medio ambiente, sostibilidade, educación ambiental e interpretación do patrimonio; un itinerario marítimo-fluvial pola ría de Betanzos; visitas a unha explotación de agricultura ecolóxica e ao monumento natural e a Aula do Mar da Costa de Dexo; e obradoiros de observación de estrelas, de conservación de morcegos, de investigación da zona intermareal da praia de Gandaría, e de orientación e xeocaching.

Os obxectivos últimos do programa Movic’17 no que se enmarca este encontro e convivencia xuvenil son manter e crear novos vínculos entre as persoas mozas das distintas comunidades autónomas, materializados a través das posta en marcha de actividades nos albergues xuvenís. Tamén procura a promoción e difusión do movemento alberguista e das potencialidades dos establecementos xuvenís que conforman a rede española; así como fomentar a mobilidade xuvenil e a adquisición de valores coa organización de accións en distintos ámbitos.

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds