Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(26-04-2017)

Galicia acollerá a celebración do Congreso Estatal de Voluntariado o vindeiro ano

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, participou hoxe en Madrid na xuntanza do pleno deste consello, no que tamén se acordou a creación de grupos de traballo para avanzar na avaliación e aplicación da lei de dependencia

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, participou hoxe en Madrid na reunión do pleno do Consello Territorial de Servizos Sociais e do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, que se celebrou nas dependencias do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade. Entre outros asuntos abordados neste encontro, os representantes da administración xeral do Estado e das comunidades autónomas presentes neste órgano acordaron nomear a Galicia como sede do Congreso Estatal de Voluntariado en 2018, collendo así a testemuña de Andalucía que o albergará este ano.

O devandito congreso, que se celebra dende 1997, constitúe o foro nacional de referencia no eido da acción do voluntariado ao congregar a todos os sectores relacionados co ámbito da solidariedade. Nestes encontros participan responsables de organizacións non gobernamentais (ONG), de entidades que desenvolven programas e proxectos de voluntariado, das administracións públicas, das empresas ou das universidades, entre outros organismos e sectores. E no transcurso dos mesmos, os asistentes debaten e reflexionan sobre os problemas que afectan e preocupan ao movemento voluntario e ás entidades sociais do país.

Asemade, durante a celebración do congreso se fai entrega dos Premios Nacionais de Voluntariado cos que se recoñece o traballo e a participación solidaria de persoas e entidades nos diferentes ámbitos social, sanitario, cooperación ao desenvolvemento, medio ambiente, deporte, cultura, educación, protección civil e emerxencias.

A xuntanza desta mañá do consello territorial tamén serviu para avaliar o Plan concertado de servizos sociais e os proxectos sociais de apoio á familia e á infancia desenvolvidos polas comunidades autónomas e que contaron con financiamento do Ministerio. Ademais, aprobouse a creación de grupos de traballo para avanzar nunha proposta técnica que equipare os baremos de discapacidade, así como no deseño e estrutura das avaliacións anuais sobre a aplicación da lei de promoción da autonomía persoal e atención á dependencia.

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds