Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(20-04-2017)

A Xunta de Galicia respalda o voluntariado local e internacional no ciclo de conferencias da ONG Escola Shantidi

Os mozos e mozas presentes tiveron ocasión de coñecer as principais liñas de actuación que promove a Xunta de Galicia en materia de voluntariado, así como proxectos de acción solidaria desenvolvidos por diversas ONGs galegas.

O remate do ciclo está previsto para mañá venres en Lugo, coa presentación de experiencias solidarias de representantes no ámbito da administración local e do mundo académico.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, presentou hoxe o ciclo de conferencias Cooperación e voluntariado local e internacional: claves para dar o paso, que se van celebrar durante os vindeiros dous días nas cidades da Coruña e Lugo. Estes encontros están organizados pola ONG lucense Escola Shantidi.

Na xornada inaugural, celebrada esta tarde na facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, participaron Lancy Dodem, voceiro da Fundación Vicente Ferrer en España, e Rosa Arroyo Castillo, vicesecretaria do Colexio Oficial de Médicos da Coruña e responsable da Cooperación Internacional do Consello Autonómico dos Colexios de Médicos de Galicia, entre outros expertos no ámbito da acción voluntaria.

Coas súas intervencións, os mozos e mozas presentes tiveron ocasión de coñecer as principais liñas de actuación que se están levando a cabo dende a Xunta de Galicia así como algúns dos proxectos de acción solidaria desenvolvidos por diversas ONGs galegas sobre o terreo. Así mesmo, puideron achegarse á difícil realidade social a nivel sanitario e de marxinalidade que se vive en países como a India que, segundo Unicef, encabeza a lista de nacións no mundo coa maior proporción de persoas en pobreza extrema.

Durante a súa intervención, a directora xeral puxo en coñecemento das persoas asistentes os principais programas e actividades que se promoven desde a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, tales como os de voluntariado ambiental, cultural, social, sociosanitario, de atención a persoas con Alzhéimer ou de intercambio xuvenil internacional, entre outros, nos que se ofrece oportunidade de realizar diferentes accións voluntarias de carácter altruísta que redundan en beneficio da comunidade.

Igualmente, fixo referencia á sétima edición do programa de voluntariado xuvenil, programa no que a Xunta de Galicia ten investido máis de 2.263.424 euros ao longo dos últimos anos, posibilitando a realización de máis de 850 proxectos de voluntariado que foron promovidos por máis de 430 entidades de acción voluntaria.

Os ditos programas complétanse con outra liña de subvención destinada a entidades privadas que busca potenciar o desenvolvemento de proxectos de acción voluntaria en diferentes áreas de actuación, promovendo a modernización e adaptación permanente das entidades de acción voluntaria á realidade social. Actuacións nas que e investiron máis de 692.325 euros ao longo dos últimos anos, permitindo a realización de 448 proxectos por parte de 231 entidades.

O remate do ciclo de conferencias está previsto para mañá venres na sede da Deputación Provincial de Lugo, coa presentación de experiencias solidarias de representantes no ámbito da administración local e do mundo académico a través do servizo de participación e integración universitaria da Universidade de Santiago de Compostela.

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds