Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(21-03-2017)

A Xunta recibe 21 mozos do Servizo de Voluntariado Europeo que desenvolverán proxectos en Galicia e no resto do Estado

Os voluntarios e voluntarias, con idades comprendidas entre os 17 e os 30 anos, están a participar esta semana nun curso de formación en Culleredo.

O SVE ten como obxectivo principal promover a participación cidadá, desenvolver a solidariedade entre os máis novos, promover a relación con culturas diferentes e facilitar a aprendizaxe ou perfeccionamento doutros idiomas.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, reuniuse hoxe cos mozos e mozas participantes no curso de formación do Servizo Voluntariado Europeo no marco do programa Erasmus+:Xuventude en Acción que se está a desenvolver ao longo desta semana en Galicia.

Este curso, dunha semana de duración, ten como finalidade presentar aos mozos o país de acollida, facilitando a súa adaptación ao novo contexto social e cultural; proporcionarlles habilidades comunicativas, incluídos aspectos de aprendizaxe intercultural; presentarlles habilidades sociais mínimas indispensables para a convivencia, a prevención de conflitos e a xestión de crise; proporcionar un espazo para que os participantes poidan reflexionar sobre os obxectivos de aprendizaxe que poden desenvolver durante o Servizo Voluntario Europeo e planificar o seu proceso de aprendizaxe; e favorecer o coñecemento mutuo entre os voluntarios e comezar a construír redes.

Esta formación á chegada enmárcase no Plan de Formación establecido pola Axencia Nacional Española do programa Erasmus+: Xuventude en Acción, no que se inclúe o Servizo Voluntario Europeo, axencia da que a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado forma parte.

Os 21 participantes teñen idades comprendidas entre os 17 e 30 anos, e proceden de Grecia (1), Italia (8), Polonia (3), Portugal (3), Reino Unido (2), República Checa (1), Rusia, Ucraína (1) e Turquía (1). Deles, 11 realizarán o seu proxecto de Servizo Voluntario Europeo en Galicia, 5 en Castela e León, 1 en Extremadura e 4 na Comunidade Autónoma de Madrid. Os seus proxectos de voluntariado teñen unha duración mínima de 2 semanas e máxima de 12 meses.

No caso da Comunidade Autónoma de Galicia as organizacións de acollida dos/as voluntarios/as europeos son: Asociación recreativa Os Tilos (Teo), Fogar e Clínica San Rafael (Vigo), Sustinea (Ourense), Club San Francisco Teo (Teo), Asociación de Nais e Pais de Alumnos Os Pazos (A Coruña), Centro Xuvenil Abertal (Vigo), Emaus (Vigo) e o Concello de Carral.

Na comunidade autónoma de Castela e León as entidades de acollida son: Asociación Deses-3, Fundación Intras, Fundación San Cebrián e Casa Escola Santiago Uno. En Extremadura, o Consello Local da Xuventude de Cáceres é a entidade de acollida. E finalmente, na Comunidade Autónoma de Madrid, a organización de acollida é Alianza pola Solidariedade.

Durante este curso de formación levaranse a cabo sesións informativas de formación lingüística, sociocultural, coñecemento do programa ‘Erasmus+:Xuventude en Acción” e do YouthPass, aprendizaxe intercultural e sobre a Unión Europea e a cidadanía europea e sobre participación, entre outras materias. Desenvolveranse paneis de experiencias, diferentes obradoiros e actividades lúdicas.

Servizo Voluntario Europeo

O SVE é unha acción incluída no programa europeo Erasmus+:Xuventude en Acción, dentro da liña estratéxica de mobilidade dos mozos e mozas. Ten como obxectivo principal promover a participación cidadá, desenvolver a solidariedade entre os máis novos, promover a relación con culturas diferentes e facilitar a aprendizaxe ou perfeccionamento doutros idiomas.

Creado no 1996 pola Comisión Europea como programa piloto, o Servizo Voluntario Europeo permitiu a máis de 100.000 mozos e mozas realizar o seu proxecto de voluntariado, tanto en Europa como fora dela. Esta acción do programa Erasmus+:Xuventude en Acción ofrece aos mozos de entre 17 e 30 anos a oportunidade de contribuír ao traballo diario das organizacións que traballan no ámbito da xuventude, o desenvolvemento persoal e socioeducativo dos mozos e mozas, a implicación civil, asistencia social, a inclusión dos desfavorecidos, o medio ambiente, os programas de educación non formal, entre outros.

Cecilia Vázquez manifestou durante o encontro que “a través da mobilidade ofrécese aos mozos e mozas maiores oportunidades de aprendizaxe, de cidadanía, inclusión social e solidariedade e reforzar vínculos entre os mozos participantes”. “A participación en proxectos de educación non formal facilita a adquisición de competencias, aptitudes e habilidades que axudarán ao desenvolvemento persoal, educativo e profesional dos mozos”, engadiu.
A titular do departamento autonómico lembrou que o Informe conxunto de 2015 do Consello e da Comisión Europea sobre a aplicación do marco renovado para a cooperación europea no ámbito da xuventude (2010-2018), reflicte que a política da xuventude que se desenvolve fóra da aula, pode axudar tamén ás persoas a adquirir a combinación correcta de capacidades a fin de preparalas para a vida e o traballo.

Durante o ano 2016 en Galicia foron aprobados un total de 19 proxectos de Servizo Voluntario Europeo por un importe total de 251.646 euros e nos que participaron 50 mozos e mozas galegos, sen prexuízo dos proxectos aprobados noutros países e nos que participaron organizacións e mozos e mozas galegos. En Galicia actualmente están acreditadas para participar no Servizo Voluntario Europeo 20 concellos e 58 entidades sen ánimo de lucro.

A titular do departamento autonómico lembrou que para este ano 2017 estase a programar nas distintas comunidades autónomas (en colaboración coa Axencia Nacional Española) unha serie de actividades con motivo do 30 aniversario do programa Erasmus+: Xuventude en Acción.

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds