Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(14-03-2017)

A Xunta aposta pola igualdade de oportunidades para as persoas con síndrome de Down

O encontro está organizado pola Universidade de Santiago de Compostela, o Valedor do Pobo e a Federación Down Galicia.

O responsable da área social do Goberno galego subliñou que o obxectivo do seu departamento é que “todos os colectivos, especialmente aqueles que pasan maiores necesidades, melloren a súa calidade de vida”.

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, inaugurou hoxe a xornada sobre o desafío dos dereitos das persoas con discapacidade organizada pola Universidade de Santiago de Compostela, o Valedor do Pobo e a Federación Down Galicia. Alí, Rey Varela insistiu na condición de iguais das persoas con síndrome de Down e sinalou que “temos que procurar a igualdade de oportunidades, con independencia dos pares de cromosomas que teñamos”.

A xornada –celebrada na facultade de Dereito do campus santiagués- conta con diferentes relatorios relativos ao novo paradigma dos dereitos das persoas con discapacidade, á modificación do Código civil en materia de protección e apoio deste colectivo e ao dereito de sufraxio activo e pasivo no marco da participación democrática. Ademais, tamén se convocou unha mesa redonda sobre o presente e o futuro dos dereitos destas persoas na que participou a directora xeral de Maiores e Persoas con discapacidade, Fabiola García.

No marco deste encontro, o responsable da área social do Goberno galego subliñou que o obxectivo do seu departamento é que “todos os colectivos, especialmente aqueles que pasan maiores necesidades, melloren a súa calidade de vida, só así teremos unha sociedade igualitaria”. Neste sentido, aludiu á modificación da Lei de servizos sociais de Galicia o pasado ano e ao concerto social que se está a desenvolver na actualidade. “É evidente que temos que respectar as leis pero en moitos casos temos leis inxustas que non se adaptan á realidade social e cando iso pasa, debemos aproveitar a capacidade lexislativa da administración para modificalas”, afirmou Rey Varela.

Así mesmo, o titular autonómico destacou que o ano pasado, por primeira vez, persoas con síndrome de Down realizaron prácticas formativas na administración autonómica ao abeiro dun proxecto piloto de realización de actividades e de aprendizaxe e integración asinado entre a Xunta de Galicia e a Fundación Down Compostela.

En síntese, o conselleiro sentenciou que o conxunto da poboación “debemos de ser solidarios, xa que non se trata tanto de que as persoas con discapacidade se adapten para integrarse na sociedade, senón que é a sociedade quen as ten que incluír”.

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds