Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(13-03-2017)

A Xunta incrementa nun 65% o apoio económico ao servizo de atención psicolóxica e logopédica para nenos de FAXPG

O obxectivo deste proxecto é lograr o equilibrio emocional e a aceptación da xordeira por parte dos pequenos e das súas familias.

A atención psicolóxica ofertada polo programa estendeuse a familias formadas por pais e nais con fillos e fillas ouvintes que presentaban dificultades na interacción por falta de pautas condutuais.

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, realizou hoxe unha visita aos beneficiarios do servizo de atención psicolóxica e logopédica que a Xunta de Galicia ten en marcha en colaboración coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG). No transcurso da mesma, o titular autonómico informou que a Xunta incrementará neste ano o importe que achega á entidade no marco deste servizo, e que ascenderá a 11.265,47 euros, o que supón un incremento do 65% con respecto ao 2016.

O obxectivo deste proxecto é lograr o equilibrio emocional e a aceptación da xordeira de familias de nenos e nenas xordos con próteses auditivas e implantados de 0 a 6 anos, establecendo estratexias de interacción comunicativa plenas.

Rey Varela tivo a oportunidade de coñecer o “importante traballo que leva a cabo FAXPG encamiñado a mellorar a calidade de vida das persoas xordas” no marco deste programa co que se atende a nenos e nenas, así como as súas familias. Ademais, a atención psicolóxica ofertada polo programa estendeuse a familias formadas por pais e nais con fillos e fillas ouvintes que presentaban dificultades na interacción por falta de pautas condutuais. Para o correcto e completo desenvolvemento do programa, estableceuse contacto cos sete hospitais galegos máis importantes e colaborouse estreitamente con centros educativos con alumnos xordos.

Rey Varela destacou que o goberno autonómico “non é alleo á importancia que teñen estas intervencións no desenvolvemento persoal das persoas xordas”. Deste xeito, lembrou que “o compromiso deste goberno é escoitar as necesidades das entidades galegas que levan a cabo un labor vital para as persoas que precisan de máis axuda” afirmou o conselleiro.

O titular da carteira autonómica insistiu en que “coordinarse e traballar conxuntamente coas outras administracións e coas entidades é o bo camiño para poder avanzar na igualdade de dereitos e oportunidades das persoas xordas”.

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds